ALCALDÍA

Martiño Noriega participa no acto de presentación do proxecto "Digitalizadas"

02/03/2018 O alcalde compostelán, Martiño Noriega, participou este venres na presentación de Dixitalizadas, un proxecto impulsado por Google.org, a Fundación Mujeres, e a Fundación Cibervoluntarios para a alfabetización dixital de 5.000 mulleres do rural de todo o Estado. O acto estivo presidido pola Raíña, dona Letizia.

Dixitalizadas é un proxecto que prevé formar presencialmente a 5.000 mullleres do entorno rural de todo o Estado en alfabetización dixital, emprendemento e empregabilidade. O obxectivo último é "empoderar á muller no ámbito tecnolóxico e dixital, para dotala de mellores ferramentas dixitais para o seu desenvolvemento profesional". Para iso, ao longo de 2018 desenvolverase talleres de formación en tres áreas: coñecementos básicos do manexo de Internet, ferramentas dixitais para o emprendemento e habilidades dixitais para a busca activa de emprego.

Na súa intervención, o alcalde felicitou aos impulsores da xornada "porque é preciso introducir a perspectiva de xénero, tamén no que ten que ver coa dixitalización". Ademais, Martiño Noriega valorou que a iniciativa se centre "no ámbito rural, no que as institucións seguimos tendo o reto de favorecer a cobertura con banda longa".

A presentación do proxecto Dixitalizadas estivo presidida pola raíña Letizia, e ademais do alcalde, participaron no acto a ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Dolors Monsterrat; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o director de Políticas e Asuntos Públicos de Google España e Portugal, Francisco Ruíz; a vicepresidenta executiva da Fundación Mujeres, Marisa Soleto; e a presidenta da Fundación Cibervoluntarios, Yolanda Rueda.

Compartir: