ALCALDÍA

O Concello celebrará a festa do Banquete de Conxo cun amplo programa de actividades

02/03/2018 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presentou este venres as actividades que preparou o Concello para a conmemoración da festa do Banquete de Conxo. O rexedor deu conta deste programa coincidindo co 162 aniversario "dun dos grandes fitos da nosa historia contemporánea".

A festa do Banquete celebrarase a fin de semana do 21 e 22 de abril na mítica carballeira de Conxo, ás beiras do Sar, "un espazo recuperado ambientalmente e que poderá ser usado pola cidadanía a partir do 16 de marzo", unha vez finalice o obradoiro de emprego Ecotur III que se encarga da súa rehabilitación. Tal e como sinalou o alcalde, con esta celebración "temos unha oportunidade para reivindicar a historia do barrio de Conxo, mais tamén para reivindicar valores como a liberdade de expresión, a igualdade ou a diversidade cultural".

Traballo transversal
Aínda que o evento central será en abril, o Concello ten preparadas actividades previas que transcorrerán durante o mes de marzo. O alcalde puxo o foco na transversalidade da proposta, que engloba a áreas municipais como Acción Cultural, Emprego, Comercio, Educación ou Centros Socioculturais.

Durante toda a fin de semana haberá un Mercado do Libro e da Artesanía, con postos de libreiros e libreiras do barrio, así como de artesáns e artesás. Inclúe presentacións de libros, mostras do proceso de traballo artesanal e actividades lúdicas para as crianzas. A programación do sábado centrarase no aspecto máis reivindicativo, mentres que a do domingo xirará en torno á recreación histórica e a propia festa do banquete.

Ampla programación
A celebración dará comezo o sábado a partir das 12 da mañá cunha visita guiada ao Banquete de Conxo da man do xornalista Henrique Alvarellos. Posteriormente haberá unha mesa redonda sobre a importancia do Banquete e os desafíos que ten por diante o barrio de Conxo. Xa ás 18:30 horas darán comezo as actividades infantís cunha representación de monicreques, unha chocolatada e unha dinámica infantil titulada O Conxo que queremos, na que os nenos e as nenas expresarán as súas ilusións e soños para o barrio. Tamén ás 18:30 h actuará a coral do Hospital Psiquiátrico de Conxo acompañada da Coral Solfa, rematando con Conxo, festa da poesía, un evento lúdico que incluirá rap, poesía, regueifa e música.

O domingo retómase a festa ás 11:30 horas cun desfile teatralizado de estudantes e artesáns dende o casco histórico ata o campo de Conxo, onde haberá un concerto da Banda Municipal interpretando pezas de mediados do século XIX. A continuación, a estrea dunha obra teatral na que se escenifica o Banquete de Conxo orixinal e un xantar popular con brindes da veciñanza e poetas. A sobremesa estará amenizada polo Serán da fraternidade, unha foliada de música tradicional. O domingo haberá unha nova oportunidade de coñecer a zona cunha nova visita guiada con Henrique Alvarellos, a partir das 18:30 h.

Fito histórico
Martiño Noriega repasou a historia do Banquete de Conxo, un evento "simbólico e significativo para Santiago e para Galicia dende o punto de vista literario e político". O 2 de marzo de 1856, un grupo de estudantes universitarios, entre os que se atopaban Eduardo Pondal, Aurelio Aguirre, Luis Rodríguez Seoane e Manuel Murguía (mesmo se pensa que tamén estivo Rosalía de Castro) convidaron a obreiros e artesáns a un xantar baixo a carballeira de Conxo. Alí houbo proclamas progresistas e demócratas que non gustaron ao poder dominante da época e que foron consideradas subversivas. Ademais, algúns dos seus impulsores foron despois referentes do rexurdimento das letras galegas.

Documentos relacionados



Compartir: