XUNTA DE GOBERNO

O Goberno inicia a licitación de obras por un importe total de case 400.000 euros

02/03/2018 A Xunta de Goberno acordou este venres abrir os procedementos de adxudicación de catro obras distintas, que suporán un investimento total próximo aos 400.000 euros. Entre as actuacións figuran dous dos proxectos seleccionados no proceso de Orzamentos Participativos 2017 para o barrio de Fontiñas: a mellora da iluminación do polideportivo e a mellora da accesibilidade na rúa Dublín.

A Xunta de Goberno iniciou o proceso de licitación das obras de mellora de accesibilidade na rúa Dublín de Fontiñas, ás que se van destinar case 75.000 euros. A actuación ten un prazo de execución de tres meses e desenvolverase en dous tramos. No primeiro, próximo á rúa de Londres, o principal obxectivo é mellorar a accesibilidade, ao tempo que se reduce a velocidade dos vehículos. Para iso, vaise reducir o ancho actual dos carrís de circulación, elevaranse os pasos de peóns, e mellorarase o pavimento e as beirarrúas que se atopen en mal estado. Ademais, reducirase a velocidade máxima permitida a 30 quilómetros/hora.

O segundo tramo é o próximo á rúa de Costa do Vieiro. Neste caso váiselle dar á calzada un trazado máis sinuoso para tratar de calmar o tráfico ao seu paso por diante do pavillón deportivo. Tamén se elevará o paso de peóns, melloraranse os pavimentos e reducirase a velocidade máxima permitida a 30 quilómetros/hora. Este proxecto foi seleccionado pola veciñanza no marco do proceso de Orzamentos Participativos Compostela Decide.

Na reunión de hoxe, o Goberno tamén abriu o procedemento de adxudicación do subministro de nova iluminación para o pavillón polideportivo de Fontiñas, outra actuación incluída nos Orzamentos Participativos. Neste caso, o investimento será de case 25.000 euros.

Obras do POS +
A Xunta de Goberno tamén iniciou a licitación de dúas obras de mellora de pavimentación que serán financiadas con cargo aos fondos do POS + da Deputación da Coruña. A primeira delas, cun orzamento de 180.000 euros, permitirá mellorar o viario de acceso á parroquia de Busto, dende o cruce de Chorente. O segundo proxecto é o de mellora da pavimentación no viario de acceso ás Pereiras, na parroquia da Gracia. Neste caso, o orzamento previsto é de 108.000 euros.

Escola Municipal de Música
Á marxe das obras, a Xunta de Goberno acordou hoxe abrir o procedemento de adxudicación do Servizo de dirección pedagóxica, docencia e organización dos diferentes programas educativos e das diferentes actividades da Escola Municipal de Música. O importe máximo autorizado da contratación será de case 426.000 euros anuais.

Ademais, o Executivo local aprobou a solicitude dunha subvención de 10.000 euros á Deputación da Coruña, para o mantemento da Escola Municipal de Música.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: