ALCALDÍA

Rematada a Escola Infantil do Castiñeiriño, que empezará a funcionar no próximo curso

26/02/2018 A nova Escola Infantil do Castiñeiro está xa rematada e dotada de equipamento para a súa apertura no próximo curso. O centro foi posible grazas á colaboración entre o Concello, que cedeu os terreos, a Fundación Amancio Ortega, que achegou o financiamento, e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que xestionará o servizo.

O alcalde, Martiño Noriega, participou hoxe nunha visita ás instalacións, xunto co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; a vicepresidenta da Fundación Amancio Ortega, Flora Pérez Marcote; e o director da Fundación, Óscar Ortega, entre outras autoridades. O rexedor mostrou a súa satisfacción pola apertura desta escola infantil, cun equipamento que cualificou de "exemplar", e que é "moi necesaria no barrio do Castiñeiriño, que medrou notablemente nos últimos anos sen que este desenvolvemento urbano fora acompañado da dotación dos servizos que precisa a veciñanza".

A Escola Infantil do Castiñeiriño contará con máis de 80 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos. O alumnado estará repartido en seis unidades, dúas por cada franxa de idade, distribuídas nunha única planta. O edificio, deseñado polos arquitectos Rafael Pier e Cristina Vilariño, conta ademais con zona de usos múltiples e comedor, área de servizos, lavandería e vestiarios, e cun amplo patio cunha parte cuberta para que os nenos e nenas poidan gozar del durante todo o ano. A escola infantil custou 1,4 millóns de euros, achegados pola Fundación Amancio Ortega, e agora pasará a formar parte da rede de escolas infantís A Galiña Azul que xestiona a Xunta a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Escola Infantil de Santa Marta
O alcalde aproveitou a visita á nova Escola Infantil do Castiñeiriño para lembrar que o Goberno ten orzada outro centro para nenos de 0 a 3 anos en Santa Marta. Martiño Noriega explicou que "estamos na fase de contratación do proxecto do centro, que se podería construír ao longo do ano que vén". A intención é que a Escola Infantil de Santa Marta sexa xestionada directamente polo Concello, ao igual que as de Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños. O alcalde mostrouse convencido de que "con este centro e co que a Xunta ten anunciado para a cidade administrativa de San Caetano, paliaríase o problema de déficits de prazas en escolas infantís públicas".

Compartir: