SOLIDARIEDADE

Marián Araujo, Panxea e a Asociación de Celíacos de Galicia recolleron os Premios Vagalume 2006 polo seu labor social

26/12/2006 Os gañadores da edición 2006 dos Premios Vagalume recolleron os seus galardóns nun acto celebrado no Pazo de Raxoi e presidido polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo. Marián Araujo Muíños, a Asociación para o Comercio Xusto e Solidario Panxea e a Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA) viron así recoñecido o seu labor social na cidade.

Marián Araujo Muíños recolleu o premio individual polo seu traballo de cooperación co roupeiro de San Vicente de Paúl, así como polo seu labor de mediadora en conflitos nos institutos e polo seu traballo con inmigrantes e Intermón.

A asociación Panxea recibiu un dos galardóns colectivos polo esforzo na difusión e venda de produtos dentro do comercio xusto e responsable. Tamén tivo unha distinción colectiva a Asociación de Celíacos de Galicia, en recoñecemento ao traballo de apoio e información ás persoas celíacas e ás súas familias.

As concelleiras de Educación, Elvira Cienfuegos, e de Benestar Social, Adelaida Negreira, acompañaron ao alcalde e ás agraciadas neste acto, que pecha cada ano uns premios que fomentan a cooperación, a igualdade e a solidariedade entre os composteláns. A esa solidariedade se referiu Sánchez Bugallo, ao lembrar que estes galardóns recoñecen a esas persoas e colectivos que temos máis preto e que prestan a súa colaboración desinteresada en prol dos demais.

Compartir: