ACCIÓN CULTURAL

Un concerto especial coa colaboración do mestre Pascual-Vilaplana abre os actos do 170 aniversario da Banda Municipal

12/01/2018 O alcalde, Martiño Noriega, presentou o concerto que a Banda Municipal ofrecerá este domingo 14 de xaneiro, ás 12:00 horas, no Teatro Principal, co que se abren as celebracións polo 170 aniversario desta formación musical. Para este concerto especial, o director da Banda compostelá, Casiano Mouriño, convidou ao recoñecido director José Rafael Pascual-Vilaplana, quen condudirá un programa denominado "De culturas e tradicións".

O alcalde salientou a exitosa traxectoria de Pascual-Vilaplana, quen "agora compatibiliza durante dous anos a dirección da Banda Municipal de Barcelona coa de Bilbao" e do que citou tamén a súa colaboración con diversas bandas do Estado e doutros países. Ademais, apuntou que o director "destaca historicamente as bandas como parte do patrimonio educativo e musical das cidades e vilas, reivindicando a súa normalización".

Martiño Noreiga agradeceu tanto a presenza do director da Banda como do director convidado, Pascual-Vilaplana, "cuxa presenza aquí hoxe e para a dirección do domingo é obra do bo facer de Casiano Mouriño para lograr que formase parte do programa deste 170 aniversario".

Pola súa parte, Casiano Mouriño, apuntou que, entre as satisfaccións que lle produce organizar os actos do 170 aniversario da Banda Municipal, está o de poder contar con directores como José Rafael Pascual-Vilaplana, co que levaba tempo intentando encontrar unha data para a súa colaboración. Del dixo que "é un gran coñecedor das bandas de música, do seu organigrama e da súa historia e funcionamento".

Pascual-Vilaplana lembrou que xa hai oito anos traballara coa Banda de Música de Santiago. Desta volta, dixo, "gustoume moito a idea de que fose un dos concertos do 170 aniversario", xa que "é moi importante para unha cidade que ten unha banda dende hai máis de cen anos, porque é un símbolo de riqueza para unha cidade coma esta, con tanto patrimonio histórico".

Sobre o programa escollido, o director pensou que "estaría ben facer unha visión historiográfica da música escrita para banda durante tres séculos". O concerto comezará cunha peza de mediados do século XIX, período do nacemento da banda santiaguesa e das bandas de música en xeral. "E ademais comezamos cun autor tan destacado e importante coma Rossini, que escribiu para banda, e por iso quixen poñer unha obra deste autor para banda", explicou. No concerto deste domingo tamén haberá pezas de Florent Schmitt Joaquín Turina, Samuel Barber, Carlos Suriñach e Franco Cesarini.

A cita, incluída no Ciclo de Inverno da Banda Municipal, será este domingo 14 de xaneiro, ás 12:00 horas, no Teatro Principal.

Documentos relacionados



Compartir: