EDUCACIÓN E CIDADANÍA

As obras de mantemento nos colexios estarán rematadas para o comezo do curso escolar

30/08/2017 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, visitou esta mañá os CEIPs Fontiñas e Pío XII, dous dos colexios da cidade nos que se executaron obras de mantemento durante as vacacións de verán. En total, estanse a investir preto de 400.000 euros nos trece CEIPs, tres escolas unitarias e seis escolas infantís de Compostela. O edil explicou que todas as actuacións que afectan ao funcionamento dos centros estarán rematadas o 11 de setembro, día de inicio do novo curso escolar.

No CEIP de Fontiñas, o Concello vén de renovar a área de xogos, que tiña elementos moi vellos e deteriorados. Tamén se instalaron novos solos nalgunhas aulas de Primaria, substituíuse o muro de pedra que provocaba problemas de seguridade, e acometéronse pequenas melloras nas escaleiras. Manuel Dios explicou que neste centro investíronse preto de 40.000 euros.

En canto ao CEIP Pío XII, a actuación máis importante foi tamén a renovación da área de xogos. O concelleiro de Educación explicou que "nestes meses fíxose unha primeira fase, pero os traballos van continuar coa ampliación do parque". Ademais, pintáronse seis aulas.

Pasarela de Fontiñas
Manuel Dios incidiu en que o investimento en mantemento foi "o maior dos últimos anos". Ademais, salientou que aos 400.000 euros destinados a estes traballos "hai que engadirlle outros 200.000 euros que se dedicarán nos próximos meses a dúas actuacións longamente demandadas: a construción dunha pasarela que comunique os centros de Infantil e Primaria de Fontiñas, e o salón de usos múltiples do colexio Rodríguez Xixirei".

Segundo explicou o concelleiro de Educación e Cidadanía, a pasarela cuberta de Fontiñas "estará rematada antes de que finalice este ano". A actuación "permitirá que os 40 nenos e nenas de Infantil que cada día comen no comedor, situado no edificio de Primaria, se despracen a cuberto e sen ter que saír ao exterior". Manuel Dios lembrou que esta é "unha demanda histórica da ANPA do centro" e apuntou que "parte da actuación ten que ser acometida pola Xunta, porque lle afecta ao edificio que é da súa propiedade".

Compartir: