POLÍTICAS SOCIAIS

Os novos pregos do Servizo de Axuda no Fogar duplican o investimento e as horas de atención domiciliaria

28/07/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, presentou este venres as características no novo prego do Servizo de Axuda no Fogar, que foi aprobado a semana pasada pola Xunta de Goberno. Destina 1.979.656,25 euros ao ano, o que supón duplicar a contía en relación ao último prego aprobado en abril de 2015.

O novo servizo terá unha vixencia de dous anos prorrogables a un máis e permitirá atender un total de 121.825 horas ao ano, o dobre que o que se viña realizando ata agora. Tal e como explicou a concelleira de Políticas Sociais, "o contrato dividirase en dous lotes, Santiago Leste e Santiago Oeste, para mellorar a eficiencia e a atención". Concha Fernández tamén os definiu como "uns pregos absolutamente reformados e adaptados ás previsións normativas máis recentes, elaborados co fin de cumprir cos compromisos que asumimos o mesmo día que tomamos posesión como goberno".

Melloras substanciais
O novo prego incorpora unha serie de melloras de forma obrigatoria que, ata agora, eran cuestións optativas que podían ou non ofertar as empresas. Isto suporá unha mellora moi importante na prestación do servizo. Será obrigatorio que as entidades adxudicatarias poñan á disposición do servizo camas articuladas, guindastres con arnés e colchóns antiescaras para as persoas con mobilidade reducida e dificultades económicas, así como un número de prazas residenciais para a súa utilización polo Concello nos supostos de urxencia (4 prazas, 2 por lote). Os servizos de perruquería, podoloxía e limpeza de choque tamén serán de obrigada prestación para as empresas que opten ao servizo.

Neste novo prego dáse satisfacción a unha demanda das persoas usuarias en relación á estabilidade do persoal, así como na prestación do servizo, de tal xeito que "non haxa máis de 2 auxiliares cun mesmo usuario ou usuaria". Igualmente queda garantida, como non o estaba no prego de 2015, a posibilidade de incrementar as horas de servizo nun 40% no caso de que a Xunta dera novas altas de usuarios e usuarias. Así, o orzamento previsto de preto de 4 millóns de euros para dous anos podería ser incrementado ata en 1,6 millóns, cando ata agora o máximo era de case 250.000.

Cláusulas sociais
O prego do Servizo de Axuda no Fogar é un dos primeiros en incorporar as cláusulas sociais na contratación pública, permitindo que se prime, por primeira vez, a calidade e non só o prezo. De feito, a ponderación do prezo na presente licitación sitúase no 40%, mentres que gozan de maior relevancia os aspectos técnicos, metodolóxicos e a calidade (nun 60%).

Ademais, valorarase con 20 puntos o compromiso de que as novas contratacións de persoal que resulten necesarias para a execución do contrato se realicen por persoas desempregadas ou con dificultades de inserción laboral, ben persoas co discapacidade psíquica ou física de, cando menos o 33%, ben mulleres vítimas de violencia de xénero ou persoas paradas de longa duración.

Finalmente, existirá unha colaboración con entidades asociativas no ámbito do alzheimer, da grande dependencia e da discapacidade psíquica, de xeito que os licitadores propoñan a implementación de programas puntuais novidosos que poidan seguir mellorando a prestación do servizo.

Documentos relacionados



Compartir: