FESTAS

Continúan as festas con chave, góspel e hip hop

26/07/2017 Seguen as festas do Apóstolo cun xoves de actividades culturais, musicais e deportivas entre as que destacan as continuacións dos ciclos TerraZeando e Compostela é! Música.

As actividades comezarán ás 18:00 horas no parque Fermín Bouza Brey de Vite, onde se poderá vivir o Serán de Hip Hop, coas actuacións de Alto Asalto, High Pax, Wöyza, Nathy Peluso, Frenetiks e Hard Gz. Media hora máis tarde, a escultura de Valle-Inclán, na Alameda, volverá ser o punto de encontro para o comezo de Monicreques en ruta con Ramón María del Valle-Inclán.

TerraZeando
Xa as 20:00 horas, o xardín do Pazo de Amarante acolle unha nova sesión do ciclo TerraZeando, que nos trae ao grupo mallorquino The Wheels e ao compostelán Montelouro. Cun pé na psicodelia contemporánea e outro no esaxeradamente denostado britpop, The Wheels saen airosos, e vitoriosos co seu novo disco, The year of the monkey. A presenza do Lennon pre e post Beatles é unha marca de casa, coma a das deidades contemporáneas tamén presentes, Tame Impala, pero lonxe de caer na afectación, o banda mallorquina ten un bo feixe de cancións, exquisitamente executadas, e poderosamente producidas por Paco Loco, co que deleitar ao público antigote e aos sempre efémeros modernos.

O son de Montelouro, do mesmo xeito que o monte galego do que toma nome a banda, ten dúas caras. Unha é de fácil acceso, e posúe a fotoxenia da auga en calma que molla os seus pes. A outra esconde a súa fermosura na rudeza das súas rocas e na furia do mar salvaxe que as golpea. Quen queira ascender a Montelouro, por calquera das súas vertentes, terao que facer escalando na intensidade das súas cancións.

Á mesma hora, en Praterías asistiremos ao concerto da Banda Municipal de Música, dirixida por Casiano Mouriño, e Emilio Rúa. Un concerto que quere celebrar tamén o Día Mundial da Persoa Refuxiada e que estaba previsto para o pasado 20 de xuño.

Ás 20:30 horas é a vez para gozar coa 39ª edición do tradicional Torneo da Chave das Festas do Apóstolo, que reunirá os e as mellores nesta disciplina deportiva e que xa é un clásico das festas.

Máis concertos
Ademais, este xoves vén marcado por dous concertos nocturnos. A praza da Quintana acolle a Ingrid Arthur & The Black Voices of America e Hot Swing Revue. Ingrid Arthur é gañadora de 3 grammys e converteuse nunha das voces máis poderosas na historia da música góspel tradicional, á altura de Aretha Franklin, Mavis Stapes ou Mahalia Jackson. Chega á praza da Quintana coas grandes figuras de The Black Gospel Voices of America, completando a noite a música de Hot Swing Revue, a banda de swing jazz liderada por Enric Peidro. O concerto terá lugar a partir das 22:30 horas e aínda se poden retirar os convites para presencialo dende as cadeiras.

Na praza do Toural continúa o ciclo de actuacións de grupos de Santiago que leva por nome Compostela é! Música, desta vez co concerto de Xosé Constenla e Os Desbandados. A cita é a partir das 23:00 horas.

Direcciones relacionadas



Compartir: