FESTAS

O concerto de bandas galegas e o inicio do ciclo Compostela é! Música protagonizan o 25 de xullo

24/07/2017 Chega ao 25 de xullo, Día de Galicia, cunha programación de festas marcada pola tradición e polos grupos galegos nunha xornada cuxos actos comezarán ás dez da mañá e non rematarán ata entrada a madrugada.

Os actos do Apóstolo darán comezo coa Ofrenda e posterior recepción no Pazo de Raxoi ao delegado rexio. Ademais, a praza de Mazarelos acolle a Romaría dos libros de 11:00 a 21:00 horas, organizada por Compostela Literaria, e a partir das 12:30 horas, os cabezudos percorrerán as rúas de Santiago.

Ás 20:00 horas, a atención centrarase no Estadio de San Lázaro, onde terá lugar o II Memorial Antonio Bermúdez, como recordo ao falecido xornalista deportivo. Neste partido enfrontaranse a SD Compostela e o CD Lugo. As entradas custarán 10 euros, salvo para os menores de 12 anos e para os socios, que serán de balde.

Bandas galegas
As Festas do Apóstolo volven reservar unha noite para as bandas galegas, coincidindo ademais co 25 de xullo. A partir das 22:00 horas, na praza da Quintana, toman a batuta os grupos galegos Comando Katana, Bifannah, Jay, Bala e Novedades Carminha, cada un cun estilo diferente.

Un dos grupos que participará no concerto é Comando Katana, nacido en Santiago en 2003 e que foi evolucionando por distintos estilos ata conseguir unha identidade propia, difícil de clasificar pero influenciada polo reggae, o soul ou o dancehall.

En canto a Bifannah, é unha banda asentada entre Reino Unido e Galicia, formada no outono de 2015. O seu son é resultado de mesturar a cadencia do 60 moody’s garage e a tropicalia lisé. O ano pasado, Bifannah lanzou dous videoclips e percorreu boa parte da Península, e a comezos de ano gravou o seu primeiro LP, Maresía.

Tamén está presentando o seu novo LP o terceiro dos grupos que participarán no concerto, Jay. O traballo leva o nome de Fuimos nosotros e supón a reinvención da banda.

Polo escenario da Quintana pasará tamén Bala, unha formación que está no seu mellor momento, que vén de esgotar e reeditar o seu primeiro traballo, Human Flesh, e que está a presentar o seu segundo disco, Lume. Este traballo está a levar a banda por toda a Península e mesmo a lugares máis remotos como Xapón ou Australia.

Novedades Carminha encabeza o cartel deste concerto de bandas galegas no Apóstolo, cunha actuación na que presentarán os temas do seu cuarto traballo, Campeones del Mundo. A banda volve a Santiago despois de encher multitude de salas por toda España e de participar en ducias de festivais tanto no Estado como en México.

Compostela é! Música
A praza do Toural volve acoller aos grupos composteláns que nos ofrecerán a súa mellor música e repertorio dende o 25 e ata o 31 de xullo. Mañá martes é a quenda da Orquestra Xuvenil de Estudio, Escola de Música, que estará comandada polo seu director, José Nine.

Ademais a Alameda será o escenario elixido para unha noite máis de orquestra, nesta ocasión é a vez para Aché.

Repetición dos Fogos
Este 25 de xullo será unha das dúas xornadas nas que se repetirá o espectáculo audiovisual dos Fogos do Apóstolo na praza do Obradoiro, con dous pases, un ás 22:30 e outro ás 23:30 horas.

Direcciones relacionadas



Compartir: