ALCALDÍA

O alcalde participa na manifestación convocada pola Plataforma de Vítimas do Tren Alvia

24/07/2017 O alcalde, Martiño Noriega, participou hoxe na manifestación convocada pola Plataforma de Vítimas do Tren Alvia, cando se cumpren catro anos do accidente que causou a morte de 81 persoas. A concentración contaba co respaldo do Concello de Santiago, en virtude da moción aprobada no pasado Pleno da Corporación.

A manifestación convocada pola Plataforma de Vítimas do Tren Alvia partiu pouco despois das once da mañá da estación do ferrocarril, e chegou unha hora máis tarde á praza do Obradoiro, onde o colectivo lle deu lectura a un manifesto. Ademais do alcalde, na marcha participaron varios concelleiros do Goberno e os voceiros municipais de PSOE e BNG.

A convocatoria contaba co apoio do Concello, despois de que no Pleno da Corporación se aprobara unha moción ao respecto, cos votos a favor de Compostela Aberta, PSOE e BNG e a abstención do PP. O texto tamén acordaba esixirlle ao Ministerio de Fomento, Adif e Renfe a mellora da seguridade no último tramo da liña do tren de alta velocidade á súa entrada en Compostela e, en concreto, a activación do sistema ERTMS que podería ter evitado o accidente do Alvia.

Compartir: