XUNTA DE GOBERNO

Bota a andar a EDUSI, a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado

30/06/2017 A Xunta de Goberno deu hoxe un novo paso de cara á posta en marcha das accións incluídas na EDUSI, a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado. Foi coa aprobación do Manual de Procedementos para as operacións financiadas polos fondos FEDER, días despois de que a documentación presentada polo Concello de Santiago fora validada polo Ministerio de Facenda.

Ao mesmo tempo, a Xunta de Goberno tamén aprobou hoxe as bases reguladoras e convocatoria de presentación de manifestacións de interese dos departamentos municipais a efectos da selección e aprobación de operacións cofinanciadas con fondos FEDER no marco da EDUSI.

O Manual de Procedementos ten o obxectivo de documentar todos os aspectos e procesos que permitan que o Concello de Santiago cumpra coas súas obrigas como organismo intermedio do FEDER. Así, recolle que o Concello creará unha Oficina de Coordinación específica da EDUSI, que asumirá o seguimento e xestión xeral da Estratexia, cuxas accións serán despois executadas polos diferentes departamentos municipais.

O alcalde, Martiño Noriega, explicou que "o acordo de hoxe permitiranos iniciar as licitacións contempladas na EDUSI, para a que Santiago percibirá 10 millóns de euros de fondos europeos". Entre as actuacións vinculadas a estes fondos europeos figuran as reurbanizacións de Castrón Douro e Batalla de Clavijo, a recuperación do Campus Sur, a restauración ambiental do río Sarela, ou un programa de axudas para a instalación de ascensores.

Mellora do alumeado
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se aprobou o proxecto da Fase I da Mellora da instalación do alumeado público nos accesos a Santiago. En concreto, inclúense actuacións nos accesos pola estrada da Estrada, a estrada de Noia, a Avenida de Pontevedra, o Viaducto da Rocha e a Avenida de Antón Fraguas, por un orzamento dalgo máis de 330.000 euros e cun prazo de execución de dous meses. O alcalde lembrou que esta actuación está vinculada ao proxecto de axudas do IDAE, pola que Santiago recibirá 1,4 millóns de euros.

Convenios
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se aprobaron varios convenios de colaboración entre o Concello de Santiago e diferentes entidades. Así, recibiron luz verde os acordos co Museo do Pobo Galego, que recibirá unha achega municipal de 10.000 euros; coa Asociación Cultural Cidade Vella, por 20.000 euros; e co Padroado da Casa da Troia, por 3.600 euros. A Asociación Cultural Musical Solfa recibirá 3.000 euros, e o Curso Internacional Música en Compostela, 3.825 euros.

Outros acordos
Por último, a Xunta de Goberno aprobou a modificación dun acordo anterior relativo á apertura de prazos de matrícula na Escola Municipal de Música de cara ao vindeiro curso, co obxectivo de que o cobro da matrícula se realice en xullo e non en setembro.

Documentos relacionados



Compartir: