ALCALDÍA

A veciñanza da cidade histórica exprésalle as súas demandas ao Goberno local

27/06/2017 O alcalde, Martiño Noriega, e os concelleiros e concelleiras do Goberno local mantiveron hoxe un novo Encontro AO VIVO coa veciñanza, desta vez coa da área da Cidade Histórica. Maís de 70 persoas asistiron á reunión, que tivo lugar na Nave 5 da Praza de Abastos.

Tráfico e aparcamento
Un dos asuntos que suscitou máis intervencións foi a mobilidade. Os veciños e veciñas demandaron un maior control das áreas de aparcamento para residentes, porque aseguran que segue habendo vehículos que as utilizan de xeito indebido. Tamén mostraron o seu agradecemento polas novas áreas verdes que foron habilitadas nas últimas semanas para a cidadanía da cidade histórica.
Os asistentes ao Encontro AO VIVO expresaron tamén demandas máis concretas en relación a determinadas rúas, como Virxe da Cerca. Neste caso, o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, explicou que "nas próximas semanas comezarán traballos que teñen como obxectivo reducir a velocidade dos vehículos e mellorar a seguridade nos pasos de peóns". Así, adiantou que se pintarán as zonas previas aos pasos de cebra cunha pintura rugosa que obriga a frear, "e de non ser suficiente estudarase a instalación de coxíns berlineses". Na mesma liña, o concelleiro explicou que "se está analizando a conveniencia de instalar tamén coxíns berlineses ou pasos de peóns elevados en San Lourenzo".

Impacto do turismo
Os efectos do turismo na cidade histórica foi outro dos asuntos abordados no Encontro AO VIVO. Foron varios os veciños e veciñas que expresaron a súa preocupación pola masificación da zona vella, e tamén pola proliferación de vivendas turísticas. Nesa liña, os concelleiros de Turismo e Espazos Cidadáns, Marta Lois e Jorge Duarte, defenderon a moratoria aprobada polo Goberno para paralizar temporalmente a concesión de licenzas para novos establecementos hoteleiros. Tamén adiantaron que se está a elaborar unha diagnose sobre as vivendas turísticas, de cara a adoptar medidas neste eido.
Marta Lois defendeu a necesidade de "adoptar medidas pensando na gobernanza do turismo, pensando en que agora non toca só promocionar a cidade como destino, senón sobre todo ordenar os fluxos turísticos".

Ruído e servizos
Os concelleiros e concelleiras tamén responderon ás preguntas da veciñanza en relación ao ruído nocturno. O Goberno lembrou que se puxeron en marcha algunhas medidas para paliar este problema, a última delas a campaña "Fala Baixiño", en colaboración co sector hostaleiro.
Ademais, os veciños e veciñas pedirón solucións para cuestións como a carencia de rede de fibra óptica, un asunto que está condicionado polo Plan Especial da Cidade Histórica.

O alcalde, Maritño Noriega, encargouse de pechar o encontro agradecendo a participación de todos os veciños e veciñas, e lembrándolles que "este formato non significa que os concelleiros e concelleiras non sigan estando dispostos a recibir en calquera momento á cidadanía, tanto a título individual como a través do movemento veciñal". Tamén se comprometeu a tomar nota, e a solucionar na medida do posible, as demandas expresadas polos participantes na xuntanza de hoxe.

Compartir: