EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O Concello destina máis de 300.000 euros ao mantemento dos centros públicos de Compostela

27/06/2017 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, deu conta esta mañá das obras que dende o departamento se van acometer durante os meses de xullo e agosto nos centros públicos dependentes do Concello. En total estímase un investimento que superará os 300.000 euros.

Manuel Dios destacou que "con esta cantidade se poderán atender demandas de hai moito tempo da comunidade educativa" e destacou que todas as actuacións "están consensuadas e pedidas polas direccións dos centros".

Así, hai unha partida de 6.000 euros para revisión de fontanería e inspección e limpeza de cubertas e canalóns, que servirán para arranxos menores en todos os centros que o precisen. A maiores, as escolas infantís coxestionadas co Consorcio de Servizos de Igualdade (E.I. Tambre, San Roque e Tras-Parlamento) recibirán tamén un investimento importante entre os que destacan a impermeabilización da cuberta da escola do Tambre que ascende a 20.000 euros.

Nas Escolas Infantís Municipais de Conxo, Meixonfrío e Salgueiriños acometeranse actuacións tamén de distinta envergadura e o maior investimento será nas escolas rurais co gallo de "reequilibrar territorialmente as escolas". Nas Escolas Bispo Teodomiro e Gaioso-Eixo invertiranse 8.000 euros para o arranxo dos parques infantís e na escola Rial Laraño procederase ao pntado de xogos infantís no patio.

Centros de infantil e primaria
Dende o Concello realizaranse actuacións nos trece centros públicos de Compostela, de maior ou menor calado dependendo das necesidades dos mesmos. No CEIP Apóstolo Santiago realizaranse obras menores, xa que o groso fíxose no verán pasado e, neste ano, reformarase tamén o pavillón deportivo do centro.

No Casas Novoa, Fontiñas, Lamas de Abade e Pío XII renovaranse os parques infantís adecuándoos á normativa actual e realizando investimentos que superan os 20.000 euros en cada un dos centros. Ademais no CEIP Quiroga Palacios realizarase unha ampliación do parque infantil e instalarase unha horta escolar.

Actuacións conxuntas
O investimento neste verán podería superar os 500.000 euros grazas a actuacións realizadas en colaboración coa Consellería de Educación no CEIP das Fontiñas e no Rodríguez Xixirei, onde ademais haberá participación da concellería de Medio Rural. No caso das Fontiñas mediante a construción dunha pasarela cuberta, unha "vella demanda da comunidade educativa" que rondará os 150.000 euros.

No caso do CEIP da Lavacolla coa construción dun patio cuberto e dun salón de usos múltiples para uso da veciñanza en xeral. Esa actuación rondará os 177.000 euros.

A maiores cómpre destacar outras actuacións como a substitución do muro de formigón en Roxos-Villestro, a substitución da carpintería de aluminio en Vite ou o traslado do material da Escola Municipal de Música ante o inminente cambio ao edificio da Escola de Altos Estudos Musicais.

Compartir: