TURISMO E IGUALDADE

Catro ilustradoras debuxarán o camiño dende Porto ata Compostela

26/06/2017 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presentou esta mañá a iniciativa "Camiña o camiño" desenvolvida por Turismo de Santiago e El Patito Editorial con financiamento da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia.

Marta Lois estivo acompañada de Gema Sesar e Paula Cabaleiro, coordinadoras da acción e das ilustradoras Blanca Escrigas, Fernanda Lamelas, Isabell Seidel e Teresa Ruivo.
A iniciativa ten dúas vertentes fundamentais, unha "dende o punto de vista turístico xa que nos vai ofrecer unha nova ollada a través destas mulleres das paisaxes do camiño da Costa, recentemente recoñecido", tal e como sinalou Marta Lois. A maiores, a concelleira destacou o punto de vista "da igualdade e da visibilización das mulleres no mundo da arte para amosar que hai moi boas ilustradoras tanto en Galicia como en Portugal".

Do 26 de xuño ao 5 de xullo
As catro ilustradoras galegas e portuguesas percorrerán o Camiño da Costa realizando diversas ilustracións, que finalmente se converterán nun libro e nunha mostra onde as protagonistas serán as propias mulleres e o camiño. En verbas de Gema Sesar "será tamén un material que poder consultar sobre este camiño". Tamén avanzou a intención de repetir outro ano realizando máis accións deste estilo que coloquen á muller como protagonista.

As primeiras en comezar a pintar serán as ilustradoras portuguesas Fernanda Lamelas e Teresa Ruivo.

Fernanda Lamelas
Arquitecta de profesión é unha apaixonada do debuxo. Participou en diversas exposicións colectivas de debuxantes de cadernos e colaborou como ilustradora en diversas publicacións e en libros como Palácios e Casas Senhoriais de Portugal. Forma parte, xunto a Teresa Ruivo, da dirección de Urban Sketchers Portugal.

Teresa Ruivo
Psicóloga de profesión, comezou a debuxar cadernos hai tres anos, sen pensar que o deseño sería tan importante na súa vida futura. Gústalle debuxar os lugares polos que pasa, os pequenos xestos, as rutinas diarias da xente e diversas situacións que falgunha maneira a impresionan. Desenvolve, por iniciativa propia, un proxecto no Instituto Portugués de Oncoloxía de Lisboa, Desenhar contigo no que leva a cabo un obradoiro semanal con rapaces con enfermidades oncolóxicas.

Blanca Escrigas
Arquitecta, compositora, cantante, profesora de debuxo, empresaria... A afección pola pintura venlle da infancia, aínda que foi na universidade cando comezou a súa verdadeira paixón pola acuarela. Os seus traballos realízaos sempre en acuarela porque con ela di lograr un trazo preciso, pero informal e solto ao mesmo tempo. Con esta técnica recibiu numerosos premios de pintura nas súas obras.

Isabel Seidell Filóloga e pedagoga, hai moito tempo que se perdeu nos mundos da cor, da forma e da observación para recrealo en pigmentos sobre papel aglutinado por unha pinga de goma arábica e disolto nun mar de auga. Traballou coas mans desde que era nena, experimentando coas cores, formas e materiais para converterse nunha apaixoada da pintura.

Compartir: