POLÍTICAS SOCIAIS

Compostela súmase ao Día Mundial contra as Drogas iluminando de verde o Pazo de Raxoi

26/06/2017 Santiago, xunto a outros concellos do Estado como Valencia, Murcia, Oviedo, Bilbao, Valladolid, Salamanca, Santander, Zaragoza, Toledo e Torrelodones, súmase a esta acción de sensibilización que se realiza hoxe, 26 de xuño, no Día Mundial contra as Drogas.

O movemento recibe o nome #VerdeConstancia que a FAD puxo en marcha recentemente a partir do lanzamento da súa nova campaña de sensibilización social. Así, ao Pazo de Raxoi sumánselle o Concello de Valencia, o edificio Moneo (Murcia), o Estadio de San Mamés (Bilbao), o teatro Campoamor (Oviedo), o Concello de Santander, a fonte Porta de Zamora (Salamanca), o edificio Etopia (Zaragoza), o Torreón de la Cava (Toledo) e a Atalaia de Torrelodones.

Día mundial contra as drogas
Con esta acción quere apoiarse a celebración do Día Mundial contra as Drogas promovido pola ONU. Unha campaña que quere situar o verde constancia sobre calquera outra cor e como símbolo de loita contra as drogas.

Segundo o estudo elaborado pola USC, en colaboración co Concello de Santiago, os adolescentes consumen por primeira vez cocaína aos 15,6 anos e tense detectado un repunte nos niveis de consumo de drogas entre os e as menores de idade. É por iso que dende o Concello se entende prioritario revisar o Plan Municipal de Drogodependencias.

Compartir: