DEPORTE

A IV Jamboree Minibasket reunirá en Santiago a case 350 deportistas

22/06/2017 A concelleira de Deporte, Noa Morales, acompañada do presidente e da secretaria da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín Picó e Susana Fiuza, presentou esta mañá os detalles da IV Jamboree Minibasket que se celebra dende hoxe e ata o domingo 25 de xuño.

Trátase da cuarta edición deste evento deportivo que reunirá en Compostela a 45 deportistas procedentes de diferentes puntos da xeografía: Galicia, Melilla, Asturias, Cantabria, Navarra, Castilla León e Santander.

A Jamboree Nacional Minibasket de Clubs celebra a súa IV edición consecutiva en Santiago de Compostela, presentándose de novo como un Campionato de España oficioso na categoría Minibasket. Disputaranse un total de 61 partidos, repartidos en catro pistas de xogo durante catro xornadas, situadas no Pavillón do Restollal e no Monte dos Postes.

Noa Morales amosouse moi "satisfeita de poder colaborar con este evento" e fixo fincapé en que "no caso de Compostela temos a honra de estar representados e representadas polo colexio Pío XII en categoría masculina".

Fomento do deporte base
Ademais, Noa Morales fixo unha defensa deste tipo de eventos que apostan polo deporte de base. "Para nós", engadiu "é unha auténtica honra poder participar na organización deste evento deportivo que reúne na nosa cidade a centenares de nenos e nenas e que busca fomentar ademais o deporte de base, que é o que nós sempre procuramos buscar nos eventos nos que colaboramos"

Horarios
A IV Jamboree dará comezo no día de hoxe en ambos pavillóns dende as 16.30 e ata as 19.30. Continuará no día de mañá en horario de 9.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas no caso do Restollal. O pavillón Monte dos Postes acollerá os encontros de tarde, comezando as 17.00 e rematando ás 20.00 horas.

O sábado os partidos disputaranse no Restollal de 9.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas e o domingo de 9.00 a 14.00 cando se producirá a entrega de trofeo aos equipos gañadores.

Compartir: