POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello asina convenios con seis entidades sociais da cidade por importe superior aos 260.000 euros

19/06/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde, Concha Fernández, asinou esta mañá un lote máis de convenios que ascenden a un total de 263.000 euros. As entidades asinantes foron no día de hoxe Aspanaes, Colexio de Psicoloxía, Proxecto Home, Feafes, Cociña Económica e Albergue Xoán XXIII.

Joaquín Pulleiro, representante do Albergue Xoán XXIII destacou que con este convenio de 60.000 euros permitirase beneficiar a 700 usuarios que son os que aproximadamente presta servizo o albergue. Poderase prestar a atención que necesitan en canto a hixiene, roupeiro, alimentación, formación, rehabilitación persoal, asesoramento laboral, xurídico, sanitario... Tamén colaboración co mundo laboral.

No caso de Aspanaes, María José Álvarez, destacou que os 3.000 euros do convenio permitirán levar a cabo un programa de participación comunitaria de persoas con trastorno de espectro autista. Trátase de aprender as habilidades necesarias para levar a cabo actividades de participación comunitaria (culturais, deportivas e de ocio e tempo libre).

Pola súa banda, Manuel Jośe Botana, da Cociña Económica, agradeceu a colaboración do Concello un ano máis no programa para garantir as necesidades de manutención básica a persoas sen recursos. Mantense a contía de 60.000 euros que se vén ofrecido durante os últimos anos e que permiten dispensar case 100.000 servizos ao ano entre almorzos, comidas e ceas.

A entidade Feafes recibe, por segundo ano consecutivo, un total de 60.000 euros para poder desenvolver o programa de pisos de saída, para os que se utilizan ademais pisos de propiedade municipal situados no barrio das Fontiñas. Isto permite que persoas sen fogar e en grave risco de exclusión como consecuencia da enfermidade mental que padecen poidan comezar a súa recuperación.

O representante de Proxecto Home, Ramón Gómez, informou de que durante este 2017 e grazas aos 45.000 euros do convenio poderán seguir a desenvolver o Programa de Cocaína, deseñado para favorecer a rehabilitación e reinserción social de persoas adictas aos psicoestimulantes, fundamentalmente de cocaína, que manteñen a súa estrutura familiar, social e laboral, ou é susceptible de recuperar estas redes sen demasiadas complicacións e cun nivel de adicción que poda permitir a ruptura co mundo das drogas dentro dunha nova perspectiva de acceso ó traballo e de responsabilización da súa vida desde o primeiro momento.

Eva Vera, da Fundación Secretariado Xitano agradeceu o apoio do Concello e explicou que se desenvolverán dous programas, o "promociona" e o "pre-Promociona" para que os nenos e nenas continúen con estudos posobrigatorios ao rematar a ESO. A maiores desenvolverán este ano o programa Calí para mulleres de etnia xitana.

Finalmente, tamén se mantén por segundo ano consecutivo o convenio co Colexio de Psicoloxía, representado na sinatura por María Rosa Álvarez. Este convenio, que ascende a 15.000 euros dará cobertura a un programa de intervención psicolóxica en casos de desafiuzamento. O programa pretende dar resposta ás medidas de intervención psicolóxica encadradas no Protocolo Municipal de actuación para a Prevención de Desafiuzamentos e a Atención das Persoas afectadas asinado polo Concello de Santiago de Compostela xunto cos concellos de Ames e Teo.

Nesa liña quere xerarse un recurso de atención psicolóxica dirixida a aquelas persoas que sofren os efectos da crise económica con maior dureza, xa que vivir un proceso de desafiuzamento conleva un sen fin de circunstancias estresantes que poden levan ao límite a capacidade de resposta da persoa e facilitan a aparición de efectos indirectos non desexados.

Compartir: