FACENDA

Continúan as asembleas de propostas dos orzamentos participativos

17/06/2017 O proceso dos orzamentos participativos Compostela Decide prosegue o seu curso, despois de arrancar o prazo para propoñer, aberto ata o 30 de xuño.

Este ano son as zonas urbanas e rurais do Norte e do Sur de Santiago e o termo municipal no seu conxunto as áreas ás que se poden presentar propostas, mentres que as actividades deberán dirixirse á mocidade ou ás festas do Apóstolo de 2018.

A vindeira semana as cinco áreas e os dous procesos terán celebrado cadansúa asemblea de diagnose e propostas, organizadas co obxectivo de que as persoas ou as asociacións que o desexen poidan debater e falar das necesidades dos barrios e presentar propostas de xeito presencial, non só telemático.

Este luns ás 20:00 a Casa das Asociacións acollerá a asemblea do Rural Sur e o martes será o turno da asemblea Municipal, no mesmo lugar e á mesma hora.

Durante esta semana tamén se fixo entrega ás asociacións dunha Guía de Participación que facilita a explicación do proceso ao detallar como funciona nas dúas primeiras fases, a de Propostas e a de Apoios (novidade neste exercicio).

Os orzamentos participativos queren fomentar a implicación da cidadanía nos asuntos públicos , así como a reflexión colectiva sobre as necesidades comúns e a solidariedade entre territorios e entre grupos sociais. Tamén buscan a creación dunha nova canle de participación que se sume ás xa existentes e reverta nunha mellora da acción pública.

Os requisitos para presentar propostas
Calquera persoa con 16 anos cumpridos pode presentar propostas ata o 30 de xuño, non é preciso que estea empadroada na capital galega. De ser este o caso, deberá enviar un formulario de inscrición e un formulario por cada proposta ao correo electrónico decide@santiagodecompostela.gal.

Tamén as asociacións deben achegar as súas propostas mediante un formulario ao correo electrónico decide@santiagodecompostela.gal.
A título individual, calquera persoa empadroada pode entrar na plataforma decide.santiagodecompostela.gal, rexistrarse e participar en todas as fases do proceso.

Compartir: