IGUALDADE

Máis de 50 concellos de toda Galicia amosan o seu interese pola campaña "En negro contra as violencias"

16/06/2017 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presidiu esta mañá a primeira xuntanza político-técnica da campaña En negro contra as violencias, cuxa preparación bota a andar hoxe e se desenvolverá no mes de novembro.

O Concello de Santiago quixo neste 2017 convidar a todos os concellos de Galicia a participar na campaña En negro contra as violencias, un convite que se fixo grazas á colaboración da Fegamp.

A esta primeira xuntanza asistiron alcaldes, concelleiras e concelleiros e persoal técnico de máis de 50 concellos, que amosaron o seu interese en coñecer máis detalles da campaña cara á súa incorporación neste ano. O máis relevante é o interese amosado por estas localidades, de provincias e cores políticas diferentes, o que demostra que en materia de igualdade é preciso actuar de forma colaborativa.

Dende o ano 2015
Esta campaña naceu en novembro do 2015 como unha forma de visibilizar a lacra que supón a violencia machista na nosa sociedade. Con esa premisa nacía Compostela en negro, a través da cal máis de 300 comercios se tinguiron de negro na nosa cidade durante a semana do 19 ao 25 de novembro.

Debido ao éxito da campaña -grazas ao interese e á implicación das entidades, comercios e establecementos que participaron- dende o Concello de Santiago tomouse a decisión de ampliar Compostela en negro e estendela a outros concellos de Galicia. Así, en 2016 foron 17 os municipios que se sumaron, localidades das catro provincias galegas e de todas as cores políticas: A Coruña, Allariz, Ames, Cangas, Carballo, Compostela, Ferrol, Lugo, Poio, Pontevedra, Ribadeo, Sada, Sarria, Teo, Tui, Vilalba e Zas.

No caso de Compostela, pasouse de 326 a 500 establecementos e entidades adheridas, entre as que se atoparon entidades deportivas, hoteis, cafeterías... e tamén a propia Catedral de Santiago que colocou unha gran faixa na zona central.

Compostela en negro pasaba entón a chamarse En negro contra as violencias e un total de 2.737 establecementos e entidades de toda Galicia tinguíronse de negro sumándose á campaña. Para aqueles concellos que non asistiron e queiran recibir máis información ou participar, poden enviar un correo ao enderezo electrónico territoriodasmulleres@santiagodecompostela.gal.

Compartir: