PLENO

O Pleno dá o visto bo á modificación do Consello Municipal de Saúde

15/06/2017 A Corporación deu luz verde inicial esta tarde no Pleno á modificación do regulamento do Consello Municipal de Saúde que foi aprobado no ano 2000, no momento da súa constitución inicial.

O obxectivo da iniciativa é actualizar este regulamento despois do tempo pasado e tendo en conta que se reactivou en 2016, tras dez anos sen reunirse. Coa nova proposta amplíase o número de vogais, organización e funcións concretas dos membros e ábrese a posibilidade de crear comisións de traballo para poder alcanzar resultados a curto prazo. Tamén se modifica a periodicidade das xuntanzas, que serán cada catro meses, con independencia de que se poidan convocar sesións extraordinarias.

Plan de mantemento en Fontiñas
O Pleno aprobou tamén por unanimidade unha proposta do PP sobre a realización dunha diagnose e dun plan de reparación e mantemento dos muros e beirarrúas das Fontiñas. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, avanzou que xa se está a realizar dito plan e que o barrio das Fontiñas recibirá 80.000 euros a maiores en materia de mantemento polos orzamentos participativos. Lembrou tamén que o Concello de Santiago ten un contrato de mantemento de viarios e beirarrúas por importe de 1,2 millóns de euros.

Outros asuntos
Todos os grupos políticos de Raxoi apoiaron unha proposta do Partido Popular para o acondicionamento e promoción das áreas fluviais de Chaián e a Barciela, na Ribeira do Tambre. Xan Duro fixo fincapé no impulso que por parte do Concello se lle está a dar a esa zona da cidade e lembrou que, no caso de Chaián, compártese espazo co concello limítrofe de Trazo.

Tamén se aprobou por unanimidade unha moción presntada polo BNG para executar de urxencia a urbanización na rúa do Valiño nº 11. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, adiantou que se está a tramitar o devandito expediente.

Compartir: