CONVIVENCIA

Baixa lixeiramente o número de positivos na campaña de control de alcohol e drogas da Policía Local

14/06/2017 A Policía Local de Compostela vén de colaborar coa Dirección Xeral de Tráfico na campaña de control da taxa de alcoholemia e drogas que se desenvolveu en todo o Estado do 5 ao 11 de xuño. Nestes días, realizáronse máis de mil probas de alcoholemia e delas resultaron positivas o 1,58%, un 0,33% menos que na campaña que se desenvolvera hai un ano.

En concreto, a Policía Local realizou 1.012 probas de alcoholemia. Delas, 16 foron positivas e en todos os casos se tramitaron denuncias pola vía administrativa. Dos infractores, o 75% eran homes e o 25% mulleres. Por idades, a maioría dos positivos rexistráronse entre condutores situados na franxa de idade que vai dos 18 aos 30 anos, e entre os 51 e os 60 anos, nos dous casos cunha porcentaxe de infractores do 37,5%. O 12,5% dos infractores tiña entre 31 e 40 anos.

O ano pasado, na campaña que se puxo en marcha nas mesmas datas, rexistráranse 20 probas positivas e foi preciso tramitar catro denuncias pola vía penal, porque os condutores superaban a taxa de alcohol de 0,60.

Drogas
En canto ao control do consumo de drogas, realizáronse 22 probas e seis delas foron positivas. Todas foron tramitadas como denuncia administrativa. En relación ao ano pasado, rexistrouse unha baixada do 11,18% no número de positivos por drogas.

Todos os positivos foron homes, dos que a metade se atopaba na franxa de idade dos 18 aos 30 anos, e a outra metade tiñan entre 41 e 50 anos.

Segundo datos do Observatorio Europeo para a Seguridade Viaria, ao redor do 25% das mortes en estrada en toda Europa están relacionadas co consumo de alcohol. Por iso, un dos obxectivos da Estratexia de Seguridade Viaria 2011-2020 é baixar do 1% os positivos rexistrados nos controis preventivos aleatorios.

Na anterior campaña de control da alcoholemia na que colaborou a Policía Local, en decembro de 2016, realizáronse 860 controis e o 1,63% deu positivo. Tamén se realizaran 29 probas de consumo de drogas, das que catro foran positivas.

Riscos e sancións
A Policía Local lembra que o exercicio da condución se ten que realizar sempre nas mellores condicións, para evitar situacións de risco. Por iso, a única taxa segura é 0,0%. O Corpo pídelle aos condutores que sexan prudentes ao volante, e que impidan que outras persoas que beberan collan o coche. O alcohol non só está relacionado cunha maior accidentalidade, senón que tamén repercute nunha maior mortalidade, porque é un factor relacionado cun peor prognóstico nas lesións sufridas.

Conducir cunha taxa de alcohol de 0,25 a 0,50 mg/l supón unha multa de 500 euros e a perda de catro puntos do carné de conducir. Se a taxa se sitúa entre 0,50 e 0,60 mg/l, a sanción económica elévase a mil euros e pérdense seis puntos do carné. Tamén se podería considerar unha infracción penal, se se entende que o consumo lle ten afectado á condución.

Compartir: