POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello asina convenios con sete entidades sociais por valor de 36.500 euros

14/06/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, asinou esta mañá sete dos convenios que o seu Departamento ten con diversas entidades sociais da cidade. En total estes sete acordos supoñen un total de 36.500 euros, que permitirán levar a cabo diversos proxectos de relevancia social.

A Asociación Fonte da Virxe, representada por Mª Mar Piñeiro Sobrido, levará a cabo o seu Programa de Respiro Familiar para persoas que padecen unha enfermidade mental, consistente na realización de actividades/saídas de fin de semana, días de praia a diferentes localidades de Galicia, co fin de favorecer as relacións familiares. O Concello achega un total de 3.500 euros, que servirán para beneficiar a un total de 50 familias.

Pola súa banda, a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia, con Mónica Álvarez como representante, recibirá 3.000 euros destinados ao Programa para o acceso das mulleres en situación de exclusión social ao traballo remunerado. O proxecto nace da necesidade observada pola entidade nas mulleres con discapacidade e/ou en risco de exclusión de capacitar, empoderar e acompañar na procura activa de emprego.

Juan Jesús Martínez, de Down Compostela, explicou que, con este convenio de 10.000 euros, poderán desenvolver o programa "Isto é vida", de primeira experiencia de vida independente para adultos con Síndrome de Down. A entidade dispón dunha vivenda destinada a poñer en práctica todas as habilidades de vida diaria necesarias para ter unha vida autónoma e independente, realizando nela as seguintes actividades: compras, tarefas de cociña, limpeza, lavado da roupa, xestión dos cartos, hixiene persoal, responsabilidades na xestión do fogar e desprazamentos autónomos. Co programa poderán beneficiarse 19 persoas.

No caso da Fundación Andrea trátase dun convenio por valor de 3.000 euros que permite desenvolver un tratamento psicoterapéutico para as familias con fillos e fillas con enfermidades de longa duración, tal e como explicou a súa presidenta, Charo Barca. Levarase a cabo apoio psicolóxico permanente a nenos enfermos e nenas enfermas e ás súas familias, para soportar multitude de situacións realmente adversas que no día a día se poidan presentar. Este apoio dáse a través de diferentes sesións individuais ou colectivas, proporcionándolles así uns recursos emocionais que lles permiten afrontar dun modo mais positivo situacións desestabilizadoras. En total beneficiaranse 14 persoas.

O xerente de Aspas, Javier García, sumouse ao agradecemento ao Concello polo desenvolvemento dos convenios e avanzou que a entidade levará a cabo un Programa de Respiro Familiar que cubra en momentos puntuais a atención do seu membro con discapacidade cando na contorna familiar xorden urxencias ou situacións de estrés. Tamén está dirixido a aquelas persoas con discapacidade intelectual que non dispoñen de apoios no seu entorno durante os períodos de peche doutros recursos da asociación, vivendas ou residencia. Poderán beneficiarse ata 133 persoas con discapacidade intelectual que pertencen a Aspas. O convenio ascende a 6.000 euros.

Pola súa banda, Rosa María Villar Cordovés, da Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, explicou que, grazas a este convenio de 9.000 euros asinados co Concello de Santiago, poderán levar a cabo un programa de rehabilitación fisioterapéutica que pon o foco na prevención, prognóstico e tratamento dos déficits presentados en cada paciente como resultado da EM, por tratarse dunha doenza crónica e dexenerativa, motivo polo que as persoas afectadas precisan dunha atención rehabilitadora continuada. A intervención vai enfocada como medida encamiñada a axudar a recuperar, sempre que sexa posible, ou a manter a máxima capacidade física, e en consecuencia tamén a psicolóxica, profesional e de ocio, compatible cos desexos da persoa afectada, cos seus plans de futuro e cos déficits provocados pola enfermidade.

Finalmente, José Balboa Ayán, da Asociación de Dano Cerebral Sarela, asegurou que a entidade porá en marcha unha actividade acuática de piscina que utiliza as propiedades físicas, mecánicas e térmicas da auga sobre o organismo humano con fins terapéuticos e lúdicos. A persoa pode desprazarse con liberdade e sen risco de sufrir caídas, favorecendo a autoconfianza e seguridade.

Compartir: