ALCALDÍA

O pallaso Iván Prado chega en peregrinación a Santiago para pedir a liberdade do artista palestino Abu Sakha

12/06/2017 O pallaso Iván Prado culminou este mediodía a peregrinación que iniciou o pasado 29 de maio en Xixón para reclamar a liberdade de Abu Sakha, un artista palestino que o Estado de Israel mantén encarcerado sen cargos dende hai 18 meses. Prado foi recibido na praza do Obradoiro polo alcalde, Martiño Noriega, que despois presidiu unha recepción oficial no Salón Nobre do Pazo de Raxoi na que participaron concelleiros dos catro grupos municipais.

Iván Prado comezou a "Peregrinaclown" o pasado 20 de maio na praza Maior de Xixón. Segundo explicou, o seu obxectivo foi dar a coñecer a situación de Abu Sakha, "que está encarcerado simplemente por dedicarse á arte de levantar a esperanza do pobo palestino, e de facelo a través da risa". O responsable de Pallasos en Rebeldía explicou que a situación do artista, ao que el mesmo formou, é a mesma que padecen outras 500 persoas palestinas "en situación de detención administrativa por parte de Israel, sen ser acusadas de nada".

O alcalde, Martiño Noriega, agradeceu o compromiso de Iván Prado e do conxunto dos Pallasos en Rebeldía, que levan anos "de compromiso e de traballo conciliando a reivindicación das causas xustas coa procura dun sorriso entre os máis desfavorecidos".

Compartir: