ACCIÓN CULTURAL

Novas presentacións de libros e un obradoiro de regueifa para crianzas, na axenda do xoves da SELIC

07/06/2017 A I Semana do Libro de Compostela, SELIC, chega este xoves á súa sétima xornada, na que de novo haberá un amplo calendario de actividades na carpa da Quintana e noutros espazos. Haberá presentacións, obradoiros, coloquios, sinaturas de libros e unha visita guiada.

Os máis pequenos e pequenas da casa teñen varias propostas nesta xornada de xoves, comezando por unha nova entrega de "Conto porque me toca", un conto ilustrado realizado colectivamente sobre o Camiño de Santiago seguindo as pautas do xogo da oca. Será ás 17:30 horas e está destinado á nenos e nenas de seis a dez anos.

Á mesma hora, na zona de presentacións da carpa da Quintana, Séchu Sende impartirá un Obradoiro de iniciación á regueifa para crianzas para rapaces e rapazas de 4 a 10 anos. As propostas paras os máis novos e novas complétanse co espazo infantil, que tamén estará aberto nesta xornada de 17:00 a 19:00 horas.

Serán catro as presentacións desta xornada. A primeira delas, ás 18:00 horas, corresponderá a Blanca Millán, co seu Refraneiro. Dúas horas despois, vez para María Meijide e a súa obra De Kuala Lumpur a Beijing. A terceira publicación no calendario (20:30 horas) será Insolúbel, de Franco del Carro.

A estas tres presentacións na carpa da Quintana súmase outra, ás 20:00 horas, no Ateneo de Santiago. Falarase sobre o libro Poemas del diez de marzo (escritos desde la cárcel), de Rafael Bárez. Participarán no acto Salvador García-Bodaño, presidente do Ateneo de Santiago; o profesor Arturo Reguera e o escritor Xesús Rábade.

Esta xornada de xoves complétase con tres actividades máis: unha charla coloquio baixo o título "Traducindo unha lingua en evolución" (19:00 h); a sinatura de Luz Darriba de exemplares do seu libro Juguetes para niños ciegos (19:00 h); e unha visita guiada ao Museo do Pobo Galego (17:00 h).

Compartir: