SAÚDE

O Concello e Alcer animan a sociedade a facerse doadora de órganos con diversas accións polo Día do Doante

06/06/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, presentou esta mañá as accións que Alcer A Coruña levará a cabo, en colaboración co Concello de Santiago, polo Día do Doante, que se celebra o mércores 7 de xuño. Na rolda estivo acompañada de Carlos Iglesias e Alfredo Saborido, vogal e coordinador da entidade.

A concelleira incidiu na súa intervención no número de doantes de órganos cos que conta o Estado español e que en 2016 se situaban nas 2.018 persoas, unha cifra que o sitúa no primeiro posto do ránking mundial. "Iso si", engadiu Concha Fernández, "esa cifra contrasta co caso de Galicia, que se atopa terceira pola cola en número de doantes, cunha taxa de 39,1 por cada millón de persoas".

Actividades de concienciación
É por iso que se fai moi necesaria unha campaña de sensibilización, concienciación e eliminación de mitos sobre a doazón de órganos. A concelleira de Saúde animou a poboación a que se faga a tarxeta de doante, que é gratuíta e que se consegue cubrindo un formulario moi sinxelo e non reporta ningún tipo de inconveniente.

Dende o Concello de Santiago e dende Alcer A Coruña enténdese prioritario informar á poboación sobre os beneficios que lle reporta á sociedade facerse doante de órganos. Por iso, durante toda esta semana levaranse a cabo diversas actividades. Entre elas destacan un photocall que se gravará en vídeo para a súa posterior difusión, co fin de que a cidadanía poida expresar graficamente a súa postura a prol da doazón.

Tamén se levará a cabo unha actividade formativa con voluntariado que chamará a atención sobre a doazón durante esta semana en centros de ensino e centros socioculturais, así como en entidades deportivas da zona urbana e rural. Finalmente, repartiranse dípticos en todo o Casco Vello promocionando o xogo de palabras "Doar é doado. Faite doante".

Compartir: