CENTROS SOCIOCULTURAIS

A historia vai á Rocha

05/12/2006 Despois do paso por San Pedro, o proxecto "A historia vai por barrios" chega á Rocha. Unha oportunidade para que os cidadáns coñezan a súa historia e se sensibilicen sobre o patrimonio material e inmaterial que herdaron. A mostra e diversas actividades de animación cultural conforman a iniciativa.

A concelleira de Centros Socioculturais, Mercedes Rosón, acompañada de dúas coordinadoras do programa, Mercedes Vázquez e Mar Bóveda, presentou esta segunda exposición, que nos remite a unhas terras, as da Rocha, cuxa antigüidade pódese rastrexar xa nos tempos da Prehistoria, da que quedan testemuños coma os petróglifos ou o Castriño de Conxo. Dende aqueles tempos, como amosará a exposición, as xentes deste barrio fixeron a súa vida arredor do río e dos vello camiños que cruzaban a zona.

Nas terras da Rocha reflíctese, en certa medida, a historia da cidade dende os seus tempos máis antigos ata os máis actuais, sobre todo daqueles barrios que compartiron a vida rural e urbana. É característica deles a vida entre o campo e a cidade, cunha forma de vida que hoxe, en certo modo, está esquecida: a dos homes e mulleres que viñan todos os días a vender leña, leite e produtos do campo imprescindibles para os veciños da cidade. Esta tradición de venda na vila ou na estrada é algo que a Rocha comparte con Villestro, que é unha das zonas que entrará no proxecto no vindeiro trimestre.

Para dinamizar a veciñanza respecto do traballo que se vai realizar, o centro sociocultural deseñou unha serie de actividades específicas que comezaron xa en outubro e que se manterán ata finais de ano. Son obradoiros de historia viva, paseos de mozos e maiores... Ata agora, a participación é satisfactoria e estas actividades serviron non só para lembrar a historia do cotiá, senón tamén para transmitila á xente nova.

A participación do barrio da Rocha neste proxecto é de especial interese, por canto alí se atopa un dos monumentos máis interesantes da nosa historia, como é o castelo. A Rocha, non obstante, vai máis aló, chega ás vellas pontes do Sar, ao ferrocarril compostelán e aos conxuntos tradicionais como o de Porto.

Logo da exposición da Rocha virán as dos barrios de Villestro, Vite, Enfesta e Ensanche. Non hai que esquecer que se trata dunha mostra itinerante, que vai pasando por tódolos centros socioculturais participantes.

Compartir: