ACCIÓN CULTURAL

Unha ducia de actividades na axenda do primeiro domingo da SELIC

03/06/2017 As actividades infantís e as sinaturas de libros protagonizan a axenda do primeiro domingo da Semana do Libro de Compostela, a SELIC, que se celebra ata o próximo día 11.

Pola carpa da praza da Quintana pasarán Enrique López e José Julio Fernández, para asinar exemplares dos seus libros Vida sana dende a infancia para sempre e Clara e o rapto do solpor. Tamén está prevista a firma de exemplares de O solo do merlo branco e Bruxa e familia, con Lucía Cobo, mentres que X.A. Perozo volverá á feira para asinar o seu libro Onde vai Carlos?.

Na axenda de mañá tamén figura un recital no que participarán Rosalía Fernández Rial, Noelia Gómez, Alicia Fernández e Ismael Ramos, todos eles presentes na antoloxía poética No seu despregar. Ademais, Marilar Aleixandre presentará a súa obra Desescribindo, Dores Tembrás falará de Auga a través, e Martiño Suárez presentará o seu Bestiario do Vestiario.

Actividades infantís
Na axenda do domingo para os nenos e nenas destaca a representación de A nena e o grilo nun barquiño, con Magín Blanco. Será no Teatro Principal, a partir das doce do mediodía.

Ademais, teremos unha nova entrega da actividade "Terra de libros", pensada para nenos e nenas de máis de cinco anos; un obradoiro de percusión con Trópico de Grelos na praza de Praterías, e unha sesión de contacontos con María Lado.

A axenda do domingo complétase cun percorrido botánico dirixido por Martín Souto, un dos autores da Guía Verde de Santiago.

Luns
Xa o luns, a carpa da Semana do Libro de Compostela estará aberta en horario de tarde. Para ese día está prevista a presentación do Mapa do Libro de Santiago, a partir das sete da tarde, e un recital con música, a partir das sete e media. Tamén funcionará o espazo de animación infantil, de cinco a sete da tarde.

Direcciones relacionadas



Compartir: