IGUALDADE

Constituída a Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero

01/06/2017 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, presidiu esta mañá a constitución da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero, que reúne a diversas administracións, colectivos e entidades para tecer políticas públicas comúns que erradiquen a violencia de xénero.

A Mesa estivo formada pola Secretaría Xeral de Igualdade, representada por Susana López Abella e Belén Liste; a Subdelegación do Goberno, a través de Judit Fontela; Alejandra Domínguez, do Corpo Nacional de Policía; Diana Parente, da Policía Local de Santiago; Servizos Sociais e CIM do Concello; Colectivos Feministas como a Plataforma Feminista Galega e Conas Ceives; a Xerencia da Xestión Integrada do Sergas; Inspección Educativa de Santiago e os colexios oficiais de Educadoras Sociais, de Psicoloxía e de Traballo Social.

Nesta primeira sesión, ademais de constituírse a Mesa Local, definíronse os seus obxectivos e funcións, a proposta de funcionamento e as actuacións que se levarán a cabo para mellorar a coordinación. Marta Lois destacou a "importancia que teñen este tipo de iniciativas na loita contra as violencias machistas" e anunciou que a idea da Mesa é que se reúna, como mínimo, dúas veces ao ano, sen prexuízo de que se poida reunir por circunstancias excepcionais.

Esta Mesa supón un paso máis que se dá dende o local para intentar atallar as situacións de vulnerabilidade e desigualdade que sofren as mulleres e que veñen reflectidas nos datos resultantes do Observatorio sobre Igualdade de Xénero, impulsado dende o Concello de Santiago.

Obxectivos
Os obxectivos e funcións desta Mesa son determinar criterios para a detección precoz de casos de violencia no ámbito local; acordar principios comúns para a detección e a atención en casos de alto risco; realizar seguimento dos casos ou impulsar estratexias de sensibilización como o caso de Compostela en Negro, proposta polo Concello de Santiago e á que se adheriron máis dunha ducia de Concellos.

Compartir: