MEDIO RURAL E EQUILIBRIO TERRITORIAL

As obras de mantemento dos viarios municipais intensificaranse a partir da próxima semana

04/05/2017 O concelleiro de Medio Ambiente e Equilibrio Territorial anunciou hoxe que, a partir da próxima semana, "intensificaranse as obras de mantemento e reparación dos viarios municipais". Rafael Peña adiantou que, ao longo dos próximos tres meses, actuarase en 18 rúas do ámbito urbano e en 10 parroquias do rural, cun investimento total de máis de 300.000 euros. O edil apuntou que nas últimas semanas se seguiu traballando en actuacións puntuais, "pero as obras de aglomerado é preferible executalas cando as temperaturas son máis altas".

Está previsto que a próxima semana comecen os traballos de reparación de fochancas en Xoán XXIII. Tamén se traballará no ámbito dos Concheiros "nunha actuación puntual, porque esta zona está incluída no Plan de Mellora das Entradas dos Camiños de Santiago que está a iniciar a Xunta".

Nesta nova fase das obras de mantemento tamén se inclúen o cruce da embocadura do paso inferior de Romero Donallo, a rotonda da avenida de Mestre Mateo e o cruce de San Caetano. Actuarase igualmente nas rúas da Torreira, Suarribas, Ponte do Romaño, Rodríguez de Viguri, Santiago de Guayaquil e Salgueiriños de Arriba.

En canto á zona rural, está previsto que as obras de mantemento e reparación dos viarios cheguen, entre outros puntos, ao Eixo, Bando e Marrozos. Ademais, nas próximas semanas comezarán as obras de repavimentación financiadas con fondos da Deputación da Coruña.

Outros traballos
Rafael Peña explicou que o Concello tamén está traballando na programación de novas actuacións, máis alá do próximo trimestre. O concelleiro apuntou que, cando remate o curso escolar, "acondicionarase a zona de Santa Clara e do Carme de Abaixo, que son empedradas e que precisan altas temperaturas para que as reparacións sexan duradeiras". Ademais, durante os meses das vacacións nos colexios, volverán os traballos á Costa das Rodas para "actuar na zona do xiro, onde é preciso cortar o tráfico en ambas direccións".

O edil de Medio Rural e Equilibrio Territorial apuntou que, no que levamos de ano, xa se investiron 350.000 euros en actuacións de mantemento. Desa cifra, ao barrio de Conxo destináronse case 130.000 euros. Tamén se actuou na rúa do Tambre, na rúa de Xeneral Pardiñas e en varios tramos de beirarrúas.

Compartir: