ALCALDÍA

Preto dun cento de veciños e veciñas participan no "Encontro ao vivo" da zona urbana sureste

29/04/2017 Case un cento de veciños e veciñas asistiron este venres no Centro Sociocultural do Castiñeiriño ao "Encontro ao vivo" para a área urbana sureste. Esta zona inclúe os barrios de Sar, Pontepedriña, Restollal, Lamas de Abade e Castiñeiriño.

No encontro "Ao vivo" participaron o alcalde, Martiño Noriega, e os concelleiros e concelleiras do equipo de Goberno. A veciñanza puido presentarlles directamente as súas demandas, relacionadas fundamentalmente con cuestións de mantemento, transporte e melloras na dotación de equipamentos como áreas deportivas ou parques infantís.

Mantemento
Os veciños e veciñas achegaron as súas demandas en relación á reparación de fochancas e á necesidade de facer rozas máis continuas nalgúns puntos. Tamén mostraron a súa satisfacción cos resultados das obras de reparación do pavimento nas rúas da Estrada, Santas Mariñas e Picaños, aínda que demandaron novas melloras relacionadas coa instalación de pasos de peóns elevados.

Outra preocupación manifestada por algúns veciños e veciñas ten que ver coas escorrentías de augas que provocan balsas nalgúns puntos do Castiñeiriño, procedentes do Sunp-14. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, explicou que se fixeron mal as canalizacións de augas nesa urbanización, e o Goberno local está agora tratando de solucionalo.

Equipamentos
A veciñanza da área urbana sureste tamén expresou as súas demandas en relación ás áreas de xogos infantís. O alcalde, Martiño Noriega, lembrou o compromiso de facer varios parques infantís cubertos, con cargo aos orzamentos participativos, e reiterou que un deles estará na área do Castiñeiriño.

Tamén se recolleron demandas en relación á necesidade de máis áreas deportivas, e a concelleira de Deportes, Noa Morales, confirmou que ao longo dos próximos meses solucionaranse os problemas de iluminación no campo de fútbol que utiliza o Fátima, grazas a un investimento de 95.000 euros.

Nove "Encontros ao vivo" ao longo do ano
Os "Encontros ao vivo" forman parte da aposta pola participación cidadá que fai o Goberno local. Estas xuntanzas completan os procesos iniciados coa auditoría cidadá elaborada a partir das ducias de reunións mantidas coas diferentes asociacións de Compostela, e coa posta en marcha dos orzamentos participativos.

O obxectivo é abarcar todo o territorio de Compostela con estes actos, e por iso están planificados nove "Encontros ao vivo", seis en áreas urbanas e tres en áreas rurais. En cada un deles, agruparanse varios barrios ou parroquias, de xeito que se poderán tratar temas concretos que lles afecte á súa veciñanza, ou asuntos de interese para o conxunto da cidade.

Compartir: