PLENO

O Concello de Santiago mostra o seu apoio ao persoal da planta de Halago no Polígono do Tambre

27/04/2017 O Pleno da Corporación aprobou hoxe unha declaración institucional en apoio aos traballadores e traballadoras da planta Halago Alimentaria S.A. no Polígono do Tambre. O texto pactado polos catro grupos municipais solicita á dirección da empresa que adopte as medidas necesarias que posibiliten a recuperación canto antes da produción nestas instalacións, garantindo as condicións laborais do persoal, e que manteña aos traballadores informados en todo momento da súa situación. Tamén se lle solicita ao órgano competente da Xunta de Galicia que coordine cos axentes sociais e institucionais todas as actuacións tendentes ao mantemento da actividade na planta do Tambre.

A declaración institucional aprobada no Pleno lembra que a planta de Halago, empresa que adquiriu a Panrico hai cinco anos, leva máis dun ano cunha continua diminución da súa carga de traballo. En outubro de 2016, a empresa entrou nun proceso concursal, e os máis de 30 traballadores e traballadoras da planta non saben nada sobre o seu futuro.

Plan de inspeccións
A Corporación tamén aprobou hoxe a posta en marcha dun plan de inspeccións para o control do inicio de actividades e apertura de establecementos mediante comunicación previa. A proposta, presentada polo PP, recibiu luz verde por unanimidade. O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que os datos dos últimos anos "fan pensar na necesidade de implantar un plan de inspeccións".

Tal e como relatou Xan Duro, no ano 2012 rexistráronse no Concello de Santiago 65 comunicacións previas e só se fixeron 19 inspeccións, mentres que 46 establecementos quedaron sen inspeccionar. En 2013, fixéronse só 13 inspeccións de 64 comunicacións previas, e no 2014 foron 18 inspeccións de 65 comunicacións previas. O edil advertiu das dificultades para poñer en marcha un plan de inspeccións que "xa se aprobou en 2014, e que se ve freado, entre outras cuestións, pola falta de persoal municipal, derivada da taxa de reposición".

IBI das familias numerosas
Ademais, a Corporación deu o visto bo á toma en consideración dunha proposta do PP para que na próxima revisión das ordenanzas fiscais se estuden medidas dirixidas a modificar as bonificacións no IBI dirixidas ás familias numerosas. Trátase de, entre outras cuestións, ter en conta o número de membros da familia á hora de calcular a bonificación, máis en concreto os ingresos brutos familiares per cápita.

Dende o ano 2016, as bonificacións no IBI para as familias numerosas teñen en conta a renda desas familias e non o valor catastral das súas vivendas.

Outros acordos
Tamén por unanimidade, na sesión de hoxe recibiu luz verde unha proposta do BNG sobre a rehabilitación do palacete da Finca do Espiño. Ao respecto, o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, explicou que a intención do Goberno é "convocar un concurso de arquitectura en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, para buscar o mellor proxecto para este edificio modernista". Previamente, sinalou o edil, a intención do Executivo é definir os usos do inmoble.

A proposta do PSOE, e co apoio dos demais grupos municipais, a Corporación acordou a modificación da Ordenanza municipal de publicidade e rotulación, e da Ordenanza de terrazas. Segundo apuntou o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, "o Goberno conta xa cun borrador coas modificacións que estima máis urxentes de ambos textos".

Compartir: