IGUALDADE

Bota a andar o primeiro Observatorio Municipal de Igualdade de Xénero

19/04/2017 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, deu a coñecer na mañá deste mércores os detalles do primeiro Observatorio Municipal de Igualdade de Xénero, que bota a andar no noso Concello. Na rolda estivo acompañada da encargada do seu deseño, Beatriz López.

Tal e como indicou a concelleira, "trátase dun instrumento impulsado dende o Concello para visibilizar as fendas de xénero que existen no municipio dende diferentes sectores ou ópticas". A raíz desta diagnose poderanse deseñar políticas públicas activas en materia de igualdade, enfocadas a cada situación concreta. Esta é a primeira vez na historia que Santiago conta cunha ferramenta deste estilo, impulsada dende a administración pública. Ademais disto, este Observatorio é pioneiro en Galicia, xa que so A Coruña conta cun proxecto destas características.

Obxectivos
O Observatorio traballa sobre tres grandes liñas de acción que pasan pola investigación, a coordinación e a participación e a formación. Fíxose un fondo traballo de recompilación da información existente sobre as condicións de vida das mulleres e homes na cidade e en diferentes ámbitos: violencias machistas, acceso e uso de recursos económicos, acceso ao poder político e económico, acceso á educación, formación e coñecemento, uso dos tempos, benestar, cultura, participación social e política, espazo público e deporte.

Creáronse mesas técnicas de traballo para monitorear e facer un seguimento das políticas municipais dende unha perspectiva de xénero. Quere fomentarse tamén a participación e a implicación da sociedade civil na visibilización das fendas de xénero que se reproducen na vida diaria da cidade e ofrecer instrumentos e ferramentas formativas que faciliten a incorporación de dinámicas de traballo baseadas na igualdade de xénero.

En definitiva, concluíu Lois, "este primeiro Observatorio Municipal de Igualdade de Xénero vén a complementar aquela diagnose sobre as desigualdades de xénero que fixemos en 2015 e permitiranos crear políticas transversais adaptadas a cada necesidade e sector".

Principais indicadores
Marta Lois fixo un repaso por algún dos datos que se extraen deste Observatorio, como por exemplo o número de denuncias por violencia de xénero no partido xudicial de Compostela, que roldan as 700 nos últimos tres anos. Ademais, entre 70 e 80 mulleres ao ano reciben ordes de protección por parte do partido xudicial de Santiago.

A concelleira fixo fincapé tamén nas desigualdades existentes noutros ámbitos como o laboral con datos extraídos do propio Observatorio. "As condicións laborais son máis precarias para as mulleres, que son as que se ven máis prexudicadas polos contratos a tempo parcial e as contratacións temporais".

Direcciones relacionadas



Compartir: