CONVIVENCIA

A Policía Local súmase á campaña da DXT para o control da velocidade

12/04/2017 O Concello de Santiago volve sumarse á campaña especial sobre vixilancia e control de velocidade que promove a Dirección Xeral de Tráfico. Por iso, a Policía Local levará a cabo controis de velocidade nas principais vías urbanas, dende o próximo luns 17 ata o domingo 23 de abril.

A DXT valora especialmente a participación dos concellos nestas campañas de control, xa que as cidades son o escenario no que a maioría dos condutores se inicia na condución e adquire determinados hábitos e costumes. O exceso de velocidade, apunta a Dirección Xeral de Tráfico, incide na seguridade viaria, pero tamén ten unha influencia negativa sobre o medio ambiente, a calidade de vida e o consumo de combustible. O mal uso dos vehículos pode interferir no benestar dos residentes, e ter un impacto moi negativo sobre a seguridade dos usuarios dos viarios máis vulnerables, como os peóns ou os ciclistas.

Neste sentido, hai que lembrar que a partir de 80 km/hora é practicamente imposible que un peón se salve dun atropelo, mentres que a unha velocidade de 30 km/hora o risco de morte redúcese ao 10%. O cinto de seguridade proporciona protección aos ocupantes do automóbil para unha velocidade máxima de 70 km/hora no caso de impactos frontais, e de 50 km/hora nos impactos laterais.

Na campaña de control de vixilancia e control de velocidade realizada hai un ano foron inspeccionados 12.908 vehículos. Deles, 118 infrinxían as normas de velocidade, o que representa o 2,82% do total.

Compartir: