ALCALDÍA

O alcalde reunirase o vindeiro 26 de abril co ministro de Fomento para abordar as infraestruturas pendentes na cidade

11/04/2017 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, reunirase o próximo 26 de abril co ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, para analizar a situación na que se atopan as infraestruturas pendentes na cidade. A xuntanza foi fixada esta mañá en resposta á petición que fora formulada desde o Concello o 14 de novembro de 2016, e reiterada o pasado 4 de abril.

O rexedor agradeceu a convocatoria desta xuntanza, "pola que levabamos moito tempo agardando, e que nos permitirá ter unha interlocución directa sobre os grandes asuntos que lle preocupan á cidade". Martiño Noriega explicou que na reunión se repasará a situación do enlace orbital e das novas conexións da AP-9, "con certa tranquilidade porque existe un compromiso recollido nos Orzamentos Xerais do Estado". Aínda así, o rexedor solicitará "que se axilicen os prazos de execución destas infraestruturas, para que poidan chegar a tempo para o Ano Santo de 2021". Na mesma situación atópase a estación intermodal, outro dos temas que centrará a entrevista entre Martiño Noriega e Íñigo de la Serna.

Por último, o alcalde aproveitará a reunión para "demandar que se cumpra o compromiso adquirido polo Ministerio de Fomento con Santiago en canto á humanización do contorno da rotonda de Conxo". Martiño Noriega considera que a execución deste proxecto "é unha cuestión de vontade política, porque estamos falando dunha actuación cun custo inferior aos 300.000 euros, unha cantidade moi pequena nas contas do Ministerio de Fomento". O rexedor lembrou que na visita que a entón ministra de Fomento, Ana Pastor, realizou ao barrio de Conxo, o 30 de xuño de 2016, participaron altos cargos do departamento que continúan nos seus postos "e que agora son os que consideran que a actuación non é prioritaria, despois de terlle presentado un anteproxecto á veciñanza".

Malestar co Ministerio de Medio Ambiente
O alcalde tamén mostrou o seu malestar despois de que o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente anulara a reunión que estaba fixada para o próximo luns 17 de abril coa ministra Isabel García Tejerina. Martiño Noriega explicou que a xuntanza fora solicitada inicialmente por escrito o 12 de decembro de 2016, e reclamada reiteradamente a través de conversas telefónicas posteriores. A finais de febreiro, a xuntanza quedou fixada para o 17 de abril, e na mañá de onte, 10 de abril, confirmouse a súa celebración. Horas despois, tal e como relatou o alcalde, o Ministerio anulou a reunión alegando problemas de axenda porque a ministra tiña unha viaxe prevista para o día acordado.

Martiño Noriega recoñeceu que "anular unha reunión que fora solicitada a finais do ano pasado só aumenta a desconfianza con respecto ao futuro da estación depuradora, que non figura nos Orzamentos Xerais do Estado". O alcalde sinalou que Acuaes "tenlle dado ao Concello a súa versión sobre a ausencia de partida, pero é a ministra de Medio Ambiente quen ten que dar explicacións de por que a EDAR non figura nas contas nin sequera cunha proxección temporal de cara aos vindeiros exercicios". O alcalde mostrou o seu desexo de que a ministra rectifique, e proximamente se poida celebrar unha reunión con Isabel García Tejerina.

Compartir: