XUNTA DE GOBERNO

O Goberno local amplía as áreas de actividade con reservas para centros especiais de emprego e empresas de inserción

07/04/2017 A Xunta de Goberno acordou hoxe ampliar as áreas de actividade nas que o Concello pode facer reserva de contratos a centros especiais de emprego e empresas de inserción. O alcalde, Martiño Noriega, explicou que o Goberno quere "darlle prioridade a este tipo de centros, por riba das grandes empresas, á hora de adxudicar determinados servizos".

Ata agora, os centros especiais de emprego e empresas de inserción prestan no Concello de Santiago servizos relacionados co mantemento de zonas verdes e coa recollida de residuos, en concreto de papel. Agora, amplíase a posibilidade de facer reserva de contratos nas áreas de mantemento e conservación de bens inmobles; servizos de restauración, cátering e hostalería; servizos auxiliares de conserxería; dixitalización e tratamento documental; artes gráficas; mensaxería; e servizos relacionados con actividades de especial perspectiva social. A reserva de emprego deberá especificarse nos pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescricións técnicas, na denominación ou título do contrato e no anuncio de licitación.

Obras da Casa das Mulleres
A Xunta de Goberno de hoxe tamén aprobou o reinicio das obras de acondicionamento da Casa das Mulleres, no antigo local de Emuvissa. Os traballos foran suspendidos por acordo da Xunta de Goberno do 10 de marzo, porque era preciso conseguir a autorización da comunidade de veciños do edificio para facer a conexión dos aseos cos colectores. Agora, as obras retómanse cun prazo de seis semanas para o seu remate.

Contratos
Outro dos acordos da Xunta de Goberno de hoxe está relacionado coa próxima licitación do servizo de recollida do lixo. A proposta do concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, aprobouse o servizo de redacción das bases técnicas que rexerán os pregos dese procedemento, no que se incluirá a recollida de residuos sólidos urbanos e o mantemento das illas soterradas. Este servizo adxudicarase polo procedemento negociado sen publicidade, cun tipo de licitación de 59.999,30 euros máis IVE.

Do mesmo xeito, aprobouse o prego de cláusulas administrativas para a contratación mediante procedemento negociado sen publicidade do servizo de coordinación e dinamización do proceso dos Orzamentos Participativos de 2018. O tipo de licitación é de 59.958,99 euros máis IVE.
O que xa quedou adxudicado na Xunta de Goberno de hoxe foi o Servizo de operación e mantemento da rede de datos do Concello, á empresa Acuntia S.A, e por un importe de 43.460,53 euros/ano máis IVE.

Axudas sociais
Por último, o Goberno local aprobou hoxe a modificación das normas de xestión das axudas sociais ao persoal municipal, así como o cadro de importes que se aplicarán aos distintos conceptos. Como novidade, introdúcense por primeira vez axudas por gastos de aparcadoiro ou uso de transporte público, así como as axudas de manutención para o persoal que presta servizo 24 horas ininterrompidas, neste momento o persoal do servizo de extinción de incendios.

O alcalde salientou que, con este acordo, "o Goberno segue na liña que iniciou dende o comezo do mandato para que o persoal municipal vaia recuperando os dereitos que tiña perdidos nos últimos anos, e mesmo adquirindo algúns novos".

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: