COMERCIO

Aprobado o Plan Estratéxico de Comercio 2017-2021

06/04/2017 A Mesa Local de Comercio, formada polo Goberno municipal, os partidos da oposición, a Cámara de Comercio, a Fundación Santiago Centro, Compostela Monumental, Em-Rede, a Unión de Consumidores de Galicia, a Federación de Comercio da Provincia da Coruña ou o Mercado de Abastos vén de aprobar o Plan Estratéxico de Comercio para o período 2017-2021.

Cóbrese así un baleiro importante que deixou o extinto documento estratéxico que foi aprobado en 2009. Neste sentido, o Plan Estratéxico do Comercio resalta a importancia de dinamizar o comercio de Santiago de Compostela, favorecendo un comercio de proximidade que cubra as necesidades de todas as persoas usuarias, tanto residentes como visitantes, cunha oferta atractiva e diferencial englobada dentro dun modelo sostible que aposta por fomentar a creación e consolidación dos establecementos.

Para a elaboración do Plan Estratéxico do Comercio contouse coa participación activa de distintos axentes do sector comercial e dos sectores complementarios, así como das persoas usuarias mediante unha enquisa de demanda comercial.

Traballo en catro fases
O Plan Estratéxico de Comercio 2017-2021 comezou a tramitarse o pasado mes de maio mediante a realización de máis de 30 entrevistas a axentes comerciais de todo tipo que serviron para facer unha diagnose completa da situación do comercio da cidade.

A segunda fase consistiu na celebración de catro mesas temáticas que permitiron relacionar o comercio con outros aspectos que teñen incidencia en Santiago, como o urbanismo, os hábitos de consumo, a creación e consolidación de comercios e a situación dos comercios actuais. Nesas mesas tratáronse temas relacionados coa mobilidade, as comunicacións, a accesiblidade, a creación e consolidación de novos comercios, a innovación ou a imaxe e promoción conxunta de Santiago baseada na compra, o ocio, a cultura, a gastronomía ou o turismo.

De feito, unha das principais peticións dos axentes comerciais ía dirixida a conseguir unha promoción conxunta de toda a oferta da cidade e que se ve agora cuberta polo desenvolvemento da publicación Compostelánea, onde se recolle toda a programación de Santiago.

A terceira fase do Plan consistiu nun foro aberto onde se validou o documento que se extraeu das xuntanzas mantidas polas mesas de traballo, que permitiron confirmar parte da información obtida durante o proceso e definir o DAFO final. A última fase do Plan correspóndese coa entrega do documento e a súa aprobación final ,que incorpora as modificacións comentadas no foro.

Retos e liñas de actuación
Santiago de Compostela, capital patrimonio da humanidade recoñecida a nivel internacional, capital do turismo de Galicia, disporá dunha oferta accesible aos diferentes colectivos, completa e equilibrada en canto a formatos comerciais, contando cun comercio especializado e con produto local e de calidade. Todo isto, acompañado dunha programación complementaria gastronómica, cultural e de lecer que poña de manifesto a confluencia entre comercio, cultura, veciñanza e turismo.

No Plan respóndese a necesidades do sector que apostaban por vincular o comercio a tempo de lecer e ao turismo, así como as necesidades do pequeno comercio en función da area xeográfica de Compostela. Apóstase tamén por ir camiñando cara á economía circular, é dicir, aquela que non se basea no consumo desmesurado e masivo, senón en dinámicas colaborativas e de reciclaxe de produtos. Nesa liña vai o Foro de Innovación para o Emprego de 2017, que se celebrará no mes de maio.

As conclusións do Plan coinciden co modelo de cidade que aposta por fixar poboación no casco histórico, un obxectivo que pasa por ser capaces de fomentar o pequeno comercio na zona. Por iso propóñense medidas a curto, medio e longo prazo que melloren a accesibilidade nas zonas próximas ao comercio, a imaxe e o atractivo comercial dos mesmos, e vinculalos á realidade de Compostela.

Marta Lois destacou a importancia de aprobar este Plan, que supón "un paso adiante na creación de novos comercios e a consolidación dos existentes. Para nós -engadiu a concelleira- é fundamental seguir apostando polo comercio local e de proximidade. O Plan permítenos ter unha forma de planificar e canalizar as actuacións a desenvolver".

Documentos relacionados



Compartir: