ALCALDÍA

O Concello de Santiago colabora coa Asociación Sophia nun concerto benéfico a favor da Fundación Andrea e da Richi Foundation

05/04/2017 O alcalde, Martiño Noriega, participou hoxe na presentación do concerto benéfico organizado pola Asociación Sophia en colaboración co Concello de Santiago. Na rolda de prensa tamén interviñeron o presidente e a vicepresidenta do colectivo, Juan Carlos Rocamonde e Ángela Carballal.

O Sophia Music Festival é un concerto benéfico cuxa recadación irá destinada á Fundación Andrea e á Richi Foundation. A primeira das entidades, con sede en Compostela, ten como obxectivo axudar ás familias de nenos e nenas con ingresos hospitalarios de longa duración, proporcionándolles en moitos casos unha casa na que viviren durante esas estancias clínicas. A segunda, radicada en Barcelona, traballa con nenos e nenas oncolóxicos, e recada fondos para a investigación do cancro infantil.

O concerto será o próximo 16 de maio, a partir das cinco da tarde, no pavillón de deportes e eventos do Colexio Peleteiro. O presentador do festival será o presentador e humorista Roberto Vilar, e do cartel forman parte Jorge Casal, The Zyphers (un grupo de alumnos e alumnas do Peleteiro), Dani Barreiro & Friends e Fredi Leis, que se encargará de pechar o evento.

Tal e como explicaron Juan Carlos Rocamonde e Ángela Carballal, ademais de música, "no festival haberá postos de comida e bebida, e venderanse camisetas deseñadas para o evento". Tamén haberá unha rifa benéfica.

As entradas, ao prezo de cinco euros, están á venda no propio colexio Peleteiro e a través de Ticketea.

Asociación Sophia
Sophia é unha asociación de alumnos e alumnas vinculada ao colexio Peleteiro, que integra a rapaces e rapazas desde 3º da ESO ata 1º de Bacharelato. O seu obxectivo é desenvolver actividades de carácter social, cultural e educativo.

O alcalde felicitounos por esta iniciativa, "que demostra que temos unha mocidade comprometida". Martiño Noriega invitou a toda a cidadanía compostelá a sumarse a esta iniciativa solidaria "que ten como destinatarias a dúas entidades cunha traxectoria recoñecida de traballo con colectivos sensibles como son os nenos e nenas con enfermidades graves".

Compartir: