ALCALDÍA

O alcalde reitera a súa solicitude de reunión co ministro de Fomento

04/04/2017 O alcalde vén de reiterar hoxe a súa solicitude de manter unha xuntanza co ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, para analizar a situación na que se atopan varias infraestruturas pendentes en Santiago. Martiño Noriega mostrouse confiado en que "esta petición sexa atendida, para resolver canto antes algunhas dúbidas sobre as actuacións comprometidas".

O alcalde recoñeceu a súa preocupación despois da reunión que o concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, mantivo onte en Madrid co director xeral de Estradas do Ministerio de Fomento. Martiño Noriega recoñeceu que, nese encontro, "Fomento manifestou dúbidas sobre se a actuación en superficie na rotonda de Conxo é unha prioridade para Santiago". O rexedor insistiu en que "non se trata de modificar agora a orde de prioridades, senón de cumprir un compromiso que estaba adquirido, cun anteproxecto presentado á veciñanza e cun orzamento definido".

O alcalde confía en aclarar os plans con respecto á rotonda de Conxo nesa reunión co ministro de Fomento, co que tamén quere abordar a situación do enlace orbital. Ao respecto, Martiño Noriega considera que "a sensación da xuntanza celebrada onte é positiva, porque se mantén o compromiso de executar os enlaces do norte, e orzamentalos nos próximos dous ou tres exercicios".

Compartir: