EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Seguen as sesións didácticas do programa "Aquoloxía"

03/04/2017 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, acompañado polo xerente de Viaqua, José Antonio Rey, visitaron esta mañá o CEIP Raíña Fabiola para participar nunha sesión do programa educativo Aquoloxía, no que participan escolares de 3º de educación primaria dos centros de ensino da cidade. Este martes, ás 10:00 horas, participarán nunha visita a didáctica a Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP).

A colaboración entre o Concello de Santiago, a través do Departamento de Educación e Cidadanía, e Viaqua, permite poñer en marcha diferentes programas e propostas educativas co obxectivo de lograr unha maior concienciación e participación dos centros de ensino de Santiago na prevención e solución de problemas ambientais. Entre as propostas que se están desenvolvendo ao longo deste curso escolar, destaca a terceira edición do programa Aquoloxía, no que participarán máis de 400 escolares dos CEIPs Raíña Fabiola, Fontiñas, Mestre Rodríguez-Xixirei, Arquitecto Casas Novoa e Ramón Cabanillas, e dos colexios Compañía de María, A Milagrosa e Nosa Sra. dos Remedios.

Esta iniciativa pretende concienciar aos escolares sobre a importancia da auga e o medio ambiente e explicarlles o ciclo natural e urbano da auga. Nas sesións, o alumnado presencia un vídeo interactivo e realiza experimentos nos que desenvolve os coñecementos adquiridos sobre a auga.

Visitas didácticas
A colaboración tamén inclúe visitas á Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) e á Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP), co obxectivo de concienciar sobre a importancia do uso controlado da auga e do seu uso sostible, da xestión e da protección da auga doce, contribuíndo así a formar cidadáns responsables.

Estas visitas están dirixidas ao alumnado de educación primaria e secundaria. Está prevista a participación de máis de 400 escolares dos CEIPs Raíña Fabiola, Apóstolo Santiago, Ramón Cabanillas, López Ferreiro; dos IES As Fontiñas e Lamas de Abade; e dos colexios Cluny e Seminario Menor.

Compartir: