ACCIÓN CULTURAL E TURISMO

Un "abril de eventos mil" no noveno número de Compostelánea

03/04/2017 As concellarías de Turismo e Acción Cultural presentaron no Pazo de Raxoi o número de abril de Compostelánea, a publicación municipal que informa da ampla oferta cultural e de ocio de Santiago.

Como sinalou a concelleira de Turismo, Marta Lois, "trátase do noveno número desta revista mensual, que naceu en xullo de 2016 co gallo de ofrecer a habitantes e visitantes de Santiago de Compostela unha guía práctica para sumarse con boa información á vida activa na cidade".

Compostelánea dedica a súa portada e reportaxe principal á programación cultural da Semana Santa, que inclúe actividades culturais, gastronómicas, turísticas e de tradición relixiosa. Destaca o segundo ciclo de De Lugares e Órganos, con seis extraordinarios concertos nas igrexas monumentais das Ánimas, da Universidade, San Paio de Antealtares e San Miguel dos Agros. O ciclo contempla tamén visitas guiadas a eses órganos históricos, charlas e un obradoiro para nenos, "nun intento por seguir debuxando e divulgando a gran paisaxe da actividade organística patrimonio de Compostela", indicou Lois.

Ademais das procesións, recollidas máis especificamente nun folleto de Semana Santa editado hai días polo Concello de Santiago, a reportaxe resalta o evento gastronómico que pon o toque "larpeiro" á Coresma: Santiago Paixón Doce, organizado por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalería Compostela, no que 29 pastelerías, bares, cafés e panaderías presentan 40 propostas de cociña doce da Pascua. A oferta complétase cun abano de visitas e excursións recollido na sección "Coñecendo a cidade". Toda a información está tamén dispoñible en www.semasantasantiago.gal.

Día Internacional da Danza, teatro e concertos
Entre as datas máis sobranceiras de abril, Compostelánea dá conta do Día Internacional de Danza, que se celebrará do 27 ao 29 de abril, con actuacións no Teatro Principal e na praza da Quintana. A música vén da man da Real Filharmonía, a Banda Municipal, o ciclo Compostela Conversa, Marianna Prjhevalskaya, Ses e Talabarte, mentres que na escena invita a non perderse O tolleito de Inishmaan, El cartógrafo ou As aventuras de Gale.

Actividades infantís, cinema, magníficas exposicións e a programación dos numerosos espazos culturais composteláns completan "un calendario de verdadeira primavera cultural, para celebrar a nosa paixón pola cidade", dixo Lois.

Compostelánea é editada polo Concello de Santiago e conta coa coordinación da Concellaría de Acción Cultural e Turismo de Santiago.

Direcciones relacionadas



Compartir: