CONGRESO DE URBANISMO

"O urbanismo converteuse nunha alternativa de investimento"

23/11/2006 O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, foi o encargado de inaugurar o I Congreso Internacional de Territorio e Urbanismo. O encontro reúne en Compostela durante tres días a expertos de distintas disciplinas para debater sobre a planificación do territorio.

Na súa intervención, o alcalde compostelán asegurou que "territorio e urbanismo son dous conceptos que no desenvolvemento da Compostela moderna foron tidos moi en conta en todos os proxectos políticos postos en marcha nas dúas últimas décadas por parte do Goberno municipal".

Sánchez Bugallo puxo o acento crítico na especulación inmobiliaria á que se referiu dicindo que "o urbanismo converteuse nunha alternativa de investimento fronte ás incertezas da Bolsa e os baixos réditos dos bancos". Bugallo aclarou que isto está orixinando unha situación de crecemento urbanístico que en moitos casos non se corresponde nin coa realidade nin coas necesidades e que provoca que "centos de pisos e casas vendidas non se ocupen".

O encontro ten como obxectivo crear un foro de debate sobre o territorio galego para comezar a traballar de forma horizontal a prol dun desenvolvemento do territorio que busque como único obxectivo a mellora da calidade de vida dos seus cidadáns.

Dende hoxe ata o sábado terán lugar no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela, as ponencias dos arquitectos, urbanistas, sociólogos, economistas e xeógrafos convidados a participar neste I Congreso Internacional de territorio e urbanismo.

Documentos relacionados



Compartir: