URBANISMO

Todo listo para a construción de 646 novas vivendas en Pontepedriña

28/10/2006 A Xunta de Goberno do luns 30 de outubro aprobará definitivamente o proxecto de urbanización do Sunp-7 de Pontepedriña, que permitirá a construción de 646 novas vivendas. O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugalo, presentou este plan residencial, que se ubicará entre a Rúa da Estrada e a rúa do Paxonal. O comezo das obras está previsto para marzo de 2007.

O proxecto contempla a actuación sobre 82.381 metros cadrados, dos cales 65.952 destinaranse á construción. Das 646 vivendas previstas, ata un 75% serán vivendas de protección oficial (incluídas 64 vivendas sociais) ou autonómica, e o resto de prezo libre taxado. O orzamento das obras de urbanización deste solo é de 5.944.154 euros.

A zona contará cunha ampla dotación dotación de 1.373 aparcadoiros, dos que 384 estarán na vía pública e o resto nos sótanos das vivendas, co que queda unha media de máis de 1,5 prazas de garaxe por vivenda. Con isto, segundo indicou o alcalde, preténdese dar resposta a unha cada vez maior demanda de familias que teñen máis dun vehículo.

Outro dos aspectos a destacar é a reserva de 10.000 metros cadrados para o futuro centro educativo de Sar e Pontepedriña. Sánchez Bugallo apuntou que a intención é trasladar os centros Ramón Cabanillas e de Sar para un novo complexo que contará con 24 unidades máis 3, ampliables a 36, con capacidade para uns 600 alumnos.

En canto ás áreas verdes, o proxecto contempla 16.000 metros cadrados que irán nas traseiras dos grupos Cardenal Quiroga e Compostela, e que formarán parte do parque do Restollal. "É un primeiro pé para o futuro parque das Brañas do Sar", apuntou Sánchez Bugallo, que lembrou que no norte xa se dispón de 112.000 metros cadrados que tamén o integrarán.

Esta zona residencial tamén albergará amplos vieiros, algúns de doble carril e outros de dirección única, e mesmo algunha rúa semipeatonal. As beirarúas levarán anchos que oscilarán entre os 1,80 e os 3,60 metros. En tódolos casos cando menos haberá unha banda de aparcadoiro.

Tal como recordou o alcalde, este polígono será o primeiro en que comecen as obras dos catro previstos para a zona do Castiñeiriño. O Sunp-11 (Castiñeiriño) será o seguinte e logo tocaralle ao Sunp-14 (Tras Paxonal), actualmente en proceso de expropiacións. A estes engadirase o Supn-12 (Lamas de Abade), pendente de que a Xustiza admita a trámite o recurso de casación presentado polo Concello. O obxectivo é que nestes catro polígonos poidan comezar as obras de urbanización ao longo de 2007.

Compartir: