XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno acorda ampliar o horario da ORA no contorno da Praza de Abastos

12/02/2016 A Xunta de Goberno aprobou hoxe un novo horario para a zona da ORA no contorno da Praza de Abastos, atendendo a unha solicitude da Sociedade Cooperativa do Mercado. A medida aféctalle á zona denominada "de réxime xeral de curta duración", en concreto na praza da Algalia de Abaixo, travesía da Universidade, praza Entrepraciñas, praza de Fonte Seca, praza da Universidade, praza de Mazarelos, arco de Mazarelos e Virxe da Cerca. Nestes ámbitos, o inicio da ORA adiántase dúas horas, quedando de 08:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:30 horas de luns a venres, e de 08:00 a 14:00 horas os sábados.

O alcalde explicou que, con esta modificación, a Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia atende unha demanda da Sociedade Cooperativa da Praza de Abastos "que entende que esta medida garante unha maior rotación de vehículos na área de influencia do mercado, porque ata o de agora moitos coches estaban estacionados no mesmo lugar dende a noite anterior ata as dez da mañá".

Tamén a proposta de Medio Ambiente e Convivencia, a Xunta de Goberno aprobou hoxe un convenio de colaboración entre o Concello e a USC para mellorar a actuación ante situacións de emerxencia. En concreto, o Servizo de Extinción de Incendios do Concello colaborará coa USC en cursos e simulacros, mentres que a Universidade ofertará charlas informativas.

Suspensión temporal de obras en Angrois
A Xunta de Goberno acordou tamén a suspensión temporal das obras de acondicionamento dunha zona de descanso de peregrino, parque público e parque infantil en Angrois. A empresa responsable dos traballos advertiu que non podería rematalos en prazo porque está pendente de que Gas Natural Unión Fenosa retranquee un poste de subministro eléctrico en BT aérea, e tamén do subministro do mobiliario doado pola Escola de Canteiros de Poio para o parque público.

O alcalde explicou que este material foi doado en virtude dun convenio asinado no seu día entre o Concello e a Deputación de Pontevedra e que tiña como vixencia o ano 2014. Como o mobiliario non se entregou nesa data, agora é preciso renovar o acordo para que a Escola de Canteiros poida subministrar as pezas.

Por último, a Xunta de Goberno aprobou unha proposta da Concellaría de Acción Cultural para solicitar a participación do Concello no programa Ler conta moito 2016. As actividades desenvolveranse nos centros socioculturais de Conxo, Vite, Santa Marta e Fontiñas. O orzamento do programa é de 3.980 euros, dos que 2.985 serán achegados pola Secretaría Xeral de Cultura da Xunta, e os 995 euros restantes, polo Concello.

Documentos relacionados



Compartir: