POLÍTICAS SOCIAIS E SAÚDE

Concha Fernández pídelle ao xerente do CHUS que a Unidade de Saúde Mental se implique no plan de atención aos sen teito

11/02/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, mantivo esta mañá unha xuntanza na súa Concellaría co xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, Luis Verde.

Entre os asuntos que se trataron na reunión, Concha Fernández informouno sobre o plan de atención ás persoas sen teito da cidade que está a desenvolver o Concello en colaboración con FEAFES e Cruz Vermella. Na reunión tamén estivo presente o director de FEAFES Galicia, Antonio Hernández.

A concelleira pediulle a Luis Verde "maior coordinación e implicación do CHUS, en especial da Unidade de Saúde Mental, para que se incorpore ás saídas que realizan os equipos de rúa". Tanto o director de FEAFES como a concelleira entenden que a participación dun ou dunha psiquiatra neste proceso é fundamental para o bo funcionamento do programa, xa que a maior parte das persoas sen teito da cidade se atopan en situación de vulnerabilidade social e padecen ademais enfermidades mentais que requiren unha atención integral.

Concha Fernández entende tamén que é preciso "un seguimento e unha atención destas persoas no momento no que abandonan a rúa e ingresan no hospital, para atender de maneira individualizada as súas características e necesidades".

Preocupación
Concha Fernández aproveitou a xuntanza para trasladarlle a Luis Verde a súa "preocupación" pola atención no servizo de Oncoloxía, logo de ter recibido queixas dos pacientes que teñen presenza no Consello de Saúde. Ademais expresoulle tamén a súa inquedanza respecto das listas de agarda na área sanitaria de Santiago, que están a incrementarse nos últimos meses.

UMAD
Para a concelleira de Políticas Sociais, resulta fundamental tamén coñecer como afectará o cambio de protocolo na Unidade Municipal de Atención a Drogodependencias (UMAD) e cales son os plans que se manexan dende o CHUS para a atención neste tipo de unidades.

Consello Municipal de Saúde
A concelleira informou ao xerente do CHUS de que está a piques de constituírse o Consello Municipal de Saúde, convocado a mediados do mes de xaneiro para a designación dos seus representantes. O Consello levaba sen convocarse dende 2006 e nel estiveron presentes os catro grupos políticos da Corporación municipal, así como os representantes da Administración sanitaria e de colectivos que teñen vinculación con esta área, como as asociacións de usuarios do propio Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Compartir: