MEDIO RURAL E EQUILIBRIO TERRITORIAL

O Goberno local destinará á zona rural todos os fondos provinciais do POS 2016

11/02/2016 O concelleiro de Medio Rural e Equilibrio Territorial deu conta hoxe dos proxectos que o Concello presentou na Deputación da Coruña, para seren financiados con cargo ao Plan de Obras e Servizos 2016. Rafael Peña salientou que todos os fondos do POS irán destinados ás parroquias "para paliar problemas estruturais aos que non se lle estaba dando unha solución desde hai anos". En concreto, a achega provincial permitirá arranxar viarios de 17 das 28 parroquias de Compostela.

Os proxectos que o Concello incorporou no Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña suporán un investimento total de 556.879,66 euros. A maiores, o Goberno local aprobou un plan complementario presupostado en 212.274,09 euros, que se realizaría con cargo ás baixas que se produzan nos outros contratos.

Melloras por todo o termo municipal
As actuacións que serán financiadas con cargo ao POS 2016 están incluídas en tres paquetes de obras. O primeiro comprende a Pavimentación de viarios nas parroquias de Busto e Marantes, e conta cun orzamento de 180.251,87 euros. O obxectivo é facer máis transitable a pista que comunica estas parroquias coa estrada N-550. O concelleiro de Medio Rural explicou que "este ano actuarase nun tramo de 2,5 quilómetros, pero a intención do Goberno é continuar as melloras deste viario en 2017 e, de feito, xa se encargou un proxecto con ese fin".

O segundo paquete de obras do POS 2016 é a Mellora de pavimentación de viarios nas parroquias de Enfesta, Villestro e O Eixo, cun orzamento de 171.695,43 euros. No caso de Enfesta, actuarase nun dos accesos principais á parroquia, entre Sionlla e Reboredo. Rafael Peña apuntou que "neste caso tamén se trata da primeira parte dunha actuación que será completada o próximo ano, coa mellora do tramo do viariio entre Reboredo e a autovía". Nas parroquias de Villestro e O Eixo tamén se executarán melloras en pistas que son utilizadas como principais accesos pola veciñanza.
O Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña tamén permitirá executar a Mellora e rehabilitación de pavimentos en viarios das parroquias de Santa Cristina de Fecha, Grixoa, Verdía, Nemenzo, Busto, Barciela, Cesar, Carballal, San Caetano e Laraño. Neste paquete, presupostado en 204.932,36 euros, inclúense actuacións en pistas secundarias, pero que lle dan acceso a moitas vivendas.

O Goberno local aprobou un cuarto proxecto co que optar ao plan complementario do POS 2016, que se financiaría coas baixas producidas nas adxudicacións doutros proxectos. Trátase da Mellora e rehabilitación de pavimentos en viarios de Sabugueira, Figueiras e Marrozos, por un importe de 212.274,09 euros. Na primeira das parroquias dotarase dun acceso transitable á aldea de Vilamaior, "un tramo moi utilizado porque se atopa en pleno Camiño de Santiago". En Figueiras completarase un proxecto que "quedara a medias en anos anteriores no lugar de Castiñeira Grande", e en Marrozos actuarase en dúas pistas na aldea de Vixoi.

Obras do POS 2015
O concelleiro de Medio Rural e Equilibrio Territorial anunciou tamén a adxudicación de dous proxectos do Plan de Obras e Servizos da Deputación, relativo a 2015. Segundo Rafael Peña, "as obras poderían comezar en abril, aproveitando o posible comezo do bo tempo, que facilitaría estes traballos".

En concreto, adxudicouse a Mellora de pavimentación en pistas de Villestro, Laraño, Marrozos e Aríns, por un importe total de 174.744,67 euros, e a Mellora de viarios de Santa Cristina de Fecha, San Xoán de Fecha, Nemenzo, San Caetano, A Peregrina e Figueiras, cun orzamento de 207.226,16 euros.

Tamén do POS 2015, o edil explicou que está en proceso de tramitación o proxecto complementario, que inclúe Melloras en pistas de Berdía, Busto, Carballal, Enfesta, Bando, Lavacolla e Marantes, cun orzamento de 151.165,23 euros. Neste caso, Rafael Peña fixouse como obxectivo comezar as obras no verán.

O concelleiro salientou que, cos POS de 2015 e 2016, "as parroquias de Compostela recibirán nos próximos meses un investimento de 1,3 millóns de euros". A esta cifra hai que sumarlle outro millón de euros correspondente ao PAS 2016 da Deputación da Coruña, que tamén será destinado integramente á zona rural.

Compartir: