POLÍTICAS SOCIAIS

A concelleira de Políticas Sociais reúnese con CEAR para coñecer a situación das persoas refuxiadas en España e en Europa

10/02/2016 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidades e Saúde, Concha Fernández, mantivo esta mañá unha reunión con Paco Garrido e Mónica López, membros da Comisión Española de Axuda ao Refuxiado (CEAR) que lle trasladaron información sobre a situación das persoas migrantes e refuxiadas en Europa e en España.

Dende CEAR e dende o Concello de Santiago "insistimos na necesidade de coordinación entre todos os axentes implicados e esiximos que tanto España como o resto dos estados da Unión Europea respecten os tratados e dereitos das persoas migrantes". Mónica López destacou que no ano 2015 chegaron 15.000 solicitudes de asilo, "unha cifra moi superior ás 6.000 que adoitaban chegar cada ano".

Do compromiso español de reubicación de refuxiados procedentes de Grecia e Italia só se atenderon 18. Mónica López asegura que se trata dun "problema, xa non tanto do propio Estado español, senón de identificación destas persoas en Grecia e Italia".

España ten o compromiso para 2016 de reasentar a 1.500 persoas, "un compromiso que dende o Concello e CEAR desexamos que se cumpra", engadiu.

Mesa de traballo
Logo da xuntanza con Paco Garrido e Mónica López, deuse conta das conclusións na mesa de coordinación, na que participan as entidades sociais que traballan con este colectivo. A concelleira destacou "que dende o último trimestre do ano, en Santiago se conta cunha mesa de coordinación na que participan 13 entidades sociais da cidade que traballan con persoas refuxiadas". Desas primeiras xuntanzas saíu unha campaña de sensibilización desenvolvida no mes de novembro, Xunt@s Facemos Compostela, na que se fixeron actividades "de sensibilización para coñecer a situación destas persoas en Europa".

Aínda que a competencia municipal é limitada na axuda ás persoas refuxiadas e migrantes, a veciñanza e os concellos teñen un labor moi importante á hora de reclamar a outra administracións que cumpran os compromisos adquiridos.

O Concello de Santiago puxo ademais un formulario web a disposición da veciñanza para crear un catálogo de recursos humanos e materiais de axuda a estas persoas. De momento hai 60 veciños e colectivos da cidade que se interesaron en acoller ou axudar á integración social das persoas migrantes e refuxiadas en Compostela.

Documentos relacionados



Compartir: