ACCIÓN CULTURAL

Unha intervención de Neves Seara abre a nova etapa da Zona "C", resultado dunha convocatoria de apoio á creación

10/02/2016 A directora-xerente en funcións do Auditorio de Galicia, Silvia Modia, presentou este mércores a programación da Zona "C", acompañada de Neves Seara, quen inaugura hoxe a primeira das intervencións que son resultado da primeira convocatoria de apoio á creación en artes visuais da Zona "C".

Esta convocatoria pretende consolidar vías de intervención artística para creadores emerxentes. Os proxectos seleccionados conformarán a programación da Zona "C", espazo multidisciplinar dependente da Concellaría de Acción Cultural aberto dende marzo do 2007.

A comisión de selección estivo formada por Manuel Eirís, artista; Joana Hurtado Matheu, crítica de arte e responsable de Can Felipa Arts Visuals; Chus Martínez Domínguez, crítica de arte; Clara Rodríguez Cordeiro, comisaria de exposicións; e Chus Busto Castiñeiras, responsable de exposicións e actividade cultural do Auditorio de Galicia.

Na modalidade de proxectos de intervención artística presentáronse 57 traballos, dos que foron seleccionados cinco creadores: Carlos Alba, Marta Bran, Jacobo Bugarín e Neves Seara.

Na modalidade de comisariado foron 11 os presentados, sendo seleccionadas dúas comisarias, Desirée Vidal Juncal e María Marco.

Finalmente, foron nove os presentados para comunicación gráfica quedando seleccionada Catarina Dantas, que será quen de traballar con cada artista e comisario para desenvolver a imaxe de cada intervención.

Neves Seara
Neves Seara, nacida en Ourense en 1983 e vinculada estreitamente a Compostela, abre a nova etapa esta noite, ás 19:00 horas, con 73 liñas de horizonte (segunda carta ao meu pai), unha acción que manterá a artista na Zona "C" o tempo necesario para ir destapando capas emocionais que involucran o corpo e esforzo físico. A intervención estará aberta ata o 27 de marzo.

É aportación desta nova etapa a incidencia en actividades de mediación que creen redes e sinerxias de públicos e creadores. Neves propón un traballo conxunto con Ana Seijo Cuba, terapeuta e psicóloga, en dous talleres diferentes. Así, no denominado Historias re-escritas, desenvolverán sesións de traballo para afondar nos aspectos emocionais da expresión artística con participantes voluntarios do Centro Sociocomunitario da 3º idade da Porta do Camiño.

Por outra banda, Onde habitan as palabras (Carta a...) é un taller intensivo de oito horas na que artista e psicóloga desenvolven un traballo que servirá para facilitar a expresión das emocións enclaustradas. O taller será os días 5 e 19 de marzo e está dirixido a todos os públicos, cun máximo de 15 persoas por grupo. As reservas serán no e-mail da artista: nevesseara@gmail.com

Proxectos seleccionados (por orde alfabética)

De intervención artística:

- Carlos Alba (Madrid, 1984), The Observation of trifles.
- Marta Bran (Melide, 1986), Once upon a time....
- Jacobo Bugarín (Santiago de Compostela, 1983), Cuando vuelva lo contará todo.
- Neves Seara (Ourense, 1983), 73 liñas de horizonte (carta ao meu pai).

Proxectos de comisariado:

- As rúas contan que. Comisaria: Desirée Vidal Juncal (Pontevedra, 1979). Colectivos: Oficina Arará (PT) / Club del Dibujo (AR) / O botafumeiro (GZ).
- (SIC). Comisaria: María Marco (Vigo, 1979). Artista: Joan Morera Arbones.

Comunicación gráfica:

- Catarina Dantas (Viana do Castelo, Portugal, 1985).

Compartir: