POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello organiza xunto a Médicos do Mundo unha charla sobre o conflito sirio e as necesidades das persoas refuxiadas

10/02/2016 O Concello de Santiago organiza, xunto a Médicos do Mundo, un relatorio na cafetería Hervor & Fervor para analizar o conflito sirio e as necesidades das persoas refuxiadas que chegan a Europa.

Na charla, que terá lugar este xoves 11, ás 17:00 horas, tres refuxiados sirios achegarán a súa experiencia aos asistentes. Contarase coa presenza de Nour Mouakket, Zaid AlHamwy e Kamal Aldalati. O relatorio leva por título "Análise sobre o conflito sirio e as necesidades das persoas refuxiadas que chegan a Europa".

Nour Mouakket, refuxiada siria, é licenciada en Filoloxía Francesa e, actualmente, está continuando esta formación na Universidade de Santiago de Compostela. Colaborou como voluntaria na Media Lúa Vermella en Alepo de 2004 a 2009.

Zaid AlHamwy, refuxiado sirio, é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Alepo e Master en Biomedicina Rexenerativa pola Universidade de Granada. Actualmente é alumno de Doutorado en Cirurxía Cardíaca (Programa Investigación Clínicen Medicina) na Universidade de Santiago de Compostela. Durante seis anos foi voluntario da Media Lúa Vermella Árabe Siria (SARC), estivo dentro da Comisión de Saúde, traballou como socorrista e tamén colaborou no equipo de avaliación. De 2007 a 2010 atendeu a refuxiados durante a guerra do Líbano e a refuxiados iraquís en Siria.

Kamal Aldalati, refuxiado sirio, é diplomado en Ciencias Médicas, especialidade en Anestesia, pola Universidade de Damasco. Actualmente é estudante de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela. Conta cunha ampla experiencia traballando como anestesista, tanto en hospitais civís como en hospitais de campaña, durante a guerra en Siria co exército (dentro do servizo militar obrigatorio) e, posteriormente, cos rebeldes nun centro sanitario de campo.

Compartir: