FESTAS

A carroza "Ciklon" e a comparsa "Fantasía otoñal" gañan o concurso do Entroido

09/02/2016 O desfile do martes de Entroido contou este martes coa participación de 15 comparsas, 7 carrozas, 8 grupos, 7 parellas e 16 persoas a título individual, que percorreron as rúas de Santiago para facerse co premio ao mellor disfrace. Malia o mal tempo, moitos composteláns saíron á rúa para vivir esta celebración.

A mellor carroza, a xuízo do xurado, foi a denominada "Ciklon", que levou os 3.000 euros de premio. Segunda e terceira clasificada quedaron as carrozas "Comparsa de luces" e "Lañas Western", que levaron, respectivamente, 2.000 e 1.000 euros.

Na categoría de comparsas, a gañadora foi "Fantasía otoñal", que resultou agasallada con 2.400 euros. "Toda a maxia nun ramo" e "A rueirada" quedaron en segundo e terceiro lugar, levando 2.000 e 1.000 euros.

Tamén houbo premios especiais para as mellores comparsas dos barrios e parroquias, que recibiron 1.200, 600 e 400 euros. As triunfadoras foron "A maxia de Oriente", "25 anos facendo cidade "e "Mareas. A división of Podemos construction group".

O xurado elixiu a "Os xenerais do Entroido", "Pingüinos de monte" e "The fantastic clowns" como os mellores grupos caracterizados. Para eles foron os premios de 800, 400 e 200 euros.

A parella máis orixinal foi a formada por "Dracotauro e o pastor de dragóns", quen marchou cun premio de 400 euros. Finalmente, os mellores disfraces individuais (premiados con 300, 200 e 100 euros) foron "A bubela de Compostela", "O anano de Mazinger Z" e "Reloxo de cuco".

O desfile comezou, como todos os anos, coa concentración de carrozas, comparsas e charangas na Estación de Ferrocarril. Dende alí discorreu polas rúas Romero Donallo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Praza Roxa, República do Salvador, Hórreo e Senra, para rematar na avenida de Xoán Carlos I.

Por mor do tempo, a entrega de premios trasladouse ao Teatro Principal, ao igual que o concerto de Sergio Tannus Trío.

Queima do Meco
A programación do Entroido concluirá este mércores co acompañamento do Meco dende a praza do Toural ata a praza Roxa. Percorrerá, a partir das 20:00 horas, a rúa Nova, Vilar, Senra, Doutor Teixeiro, República do Salvador e praza Roxa. A comparsa A Ruliña de Laraño participará neste desfile, ao que se prega que os e as acompañantes vistan de rigoroso loito para a ocasión. Ás 21:00 horas será a festa final coa queima do Meco na praza Roxa, coa animación de Ni Fu ni Fa e a música da pola Banda Municipal.

Compartir: